Moeda de prata de 5 centavos de dólar estadounidense
antiga moeda estadounidense (1792.1873) / From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de prata de 5 centavos de dólar (en inglés: half disme, half dime e silver five-cent coin) foi unha moeda de prata dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada pola Ceca de Filadelfia e, máis ocasionalmente, polas de Nova Orleáns e San Francisco, nos últimos anos. Creouse pola Lei da Moeda de 1792, que constituíu o primeiro sistema monetario dos Estados Unidos logo da súa independencia, e foi suprimida pola Lei da Moeda de 1873.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e7/1857_seated_liberty_half_dime_reverse.jpg/220px-1857_seated_liberty_half_dime_reverse.jpg)
Algúns numismáticos sosteñen que esta moeda foi a primeira cuñada pola ceca pública estadounidense en virtude da Lei da Moeda de 1792 e que a súa produción comezou en xullo dese mesmo anos. Pola contra, outros estudosos consideran que o half disme de 1792 non é máis ca unha proba numismática que non chegou a poducirse en cantidade suficiente para a súa posta en circulación.
Na década de 1860, os poderosos intereses económico-empresariais que promovían o uso do níquel como metal de cuñaxe fixeron presión de xeito frutífero para que a as novas moedas de 3 centavos e de 5 centavos se cuñasen en cuproníquel, unha aliaxe dese metal. A aparición das moedas destes valores faciais cuñadas coa nova aliaxe fixo que as súas equivalentes en prata resultasen redundantes no sistema, polo que a Lei da Moeda de 1873 cancelou a produción das moedas de prata de 3 centavos e de 5 centavos.