From Wikipedia, the free encyclopedia
Os miofilamentos son os filamentos proteicos das miofibrilas das células musculares. Xeralmente considéranse de dous tipos, formados polas proteínas miosina e actina, e ás veces engádese un terceiro tipo formado pola proteína titina. A miosina e a actina son as proteínas contráctiles do músculo e a titina é unha proteína elástica. Os miofilamentos actúan en conxunto na contracción muscular. Polo seu grosor denomínanse filamentos grosos, fundamentalmetne constituídos por miosina, e os delgados, principalmente de actina, mentres que existe un terceiro tipo moi delgado, formado principalmente pola titina.[1][2]
Os tipos de tecido muscular son: tecido muscular estriado esquelético e tecido muscular estriado cardíaco, e tecido muscular liso en vertebrados, aos que hai que engadir o tecido muscular estriado oblicuo, que se encontra nalgúns invertebrados.[3] As diferentes disposicións dos miofilamentos crean os distintos tipos de músculos. O músculo estriado ten bandas transversas de filamentos. No músculo estriado oblicuos os filamentos están inclinados. No músculo liso os miofilamentos están situados irregularmente.
Hai tres tipos de miofilamentos: groso, delgado e elástico.[1]
O complexo proteico composto polas proteínas contráctiles actina e a miosina denomínase ás veces actomiosina. Nos músculos estriados esquelético e cardíaco, os filamentos de actina e miosina teñen cada un unha lonxitude específica e constante de poucos micrómetros, moito menos que a lonxitude da célula muscular elongada (que é de varios centímetros nalgúns músculos esqueléticos).[6] A natureza contráctil deste complexo proteico está baseada na estrutura dos filamentos grosos e delgados. O filamento groso de miosina ten unha estrutura cunha dobre cabeza, coas cabezas situadas nos extremos opostos da molécula. Durante a contracción muscular, as cabezas dos filamentos de miosina únense aos filamentos delgados de actina orientados na posición oposta e tiran deles facéndoos superpoñerse. A acción do movemento desta unión da miosina e a actina ten como resultado o acurtamento do sarcómero. A contracción muscular consiste no acurtamento simultáneo de múltiples sarcómeros.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.