![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/80/DNA_methylation.jpg/640px-DNA_methylation.jpg&w=640&q=50)
Metilación do ADN
From Wikipedia, the free encyclopedia
A metilación do ADN é un proceso polo cal se engaden grupos metilo ao ADN. A metilación modifica a función do ADN, actuando normalmente para suprimir a transcrición de xenes. A metilación do ADN é esencial para o desenvolvemento normal e está asociada cun número de procesos clave como a impronta xenómica, inactivación do cromosoma X, supresión dos elementos repetitivos, e a carcinoxénese.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/80/DNA_methylation.jpg/640px-DNA_methylation.jpg)
Poden metilarse dous dos catro nucleótidos do ADN, a citosina e a adenina. A metilación da adenina está restrinxida aos procariotas. A taxa de metilación da citosina do ADN difire moito entre especies: o 14% das citosinas están metilads na planta Arabidopsis thaliana, o 4% no rato Mus musculus, o 2,3% na bacteria Escherichia coli, o 0,03% na mosca Drosophila, e practicamente ningún (< 0,0002%) en especies de lévedos.[1]
A metilación do ADN pode alterar de forma estable a expresión de xenes nas células a medida que estas se dividen e diferencian a partir de células nai embrionarias en tecidos específicos. O cambio resultante é normalmente permanente e unidireccional, o que impide que a célula reverta a unha célula nai ou se converta nun tipo celular diferente. Porén, a metilación do ADN pode ser eliminada tanto pasivamente, por dilución durante a división celular, coma por un proceso activo e máis rápido. Este último proceso prodúcese por hidroxilación dos grupos metilo que van ser anulados, en vez de por unha completa eliminación de grupos metilo.[2][3] A metilación do ADN elimínase normalmente durante a formación do cigoto e restablécese por medio de sucesivas divisións celulares durante o desenvolvemento. As modificacións na metilación que regulan a expresión xénica son xeralmente herdables por medio da división mitótica. Parte da metilación pode herdarse tamén a través de divisións meióticas que orixinan os óvulos e espermatozoides, o que ten como resultado a impronta xenómica. A metilación do ADN suprime a expresión de xenes retrovirais endóxenos e outros segmentos nocivos de ADN que se incorporaron ao xenoma do hóspede no decurso do tempo. A metilación do ADN tamén constitúe a base da estrutura da cromatina, o cal permite que unha célula se transforme en múltiples órganos ou realice diferentes funcións. A metilación do ADN xoga un papel crucial no desenvolvemento de case todos os tipos de cancro.[4]
A metilación do ADN na posición 5 da citosina ten o efecto específico de reducir a expresión xénica e atopouse en todos os vertebrados que se examinaron. En células somáticas adultas (células non reprodutoras), A metilación do ADN ocorre tipicamente no contexto do dinucleótido CpG; a metilación non-CpG é común en células nai embrionarias,[5][6][7] e tamén se atopou no desenvolvemento neural.[8]