From Wikipedia, the free encyclopedia
O pentumeiro de á branca[2] ou parrulo mourelo[3] (Melanitta fusca) é unha especie de ave anseriforme da familia dos patos (Anatidae), que se distribúe polas costas, lagos e grandes ríos de Eurasia.
Pentumeiro de á branca | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Distribución de Melanitta fusca
Área de cría. Área de invernada. |
O pentumeiro de á branca foi descrito cientificamente por Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome Anas fusca,[4] que significa 'pato escuro'. Posteriormente foi trasladado ao xénero Melanitta, creado por Friedrich Boie en 1822.[5] Actualmente non se recoñecen subespecies,[6] pero anteriormente considerábase que tiña tres, porque se incluía dentro desta especie o Melanitta deglandi. Ambas as especies, xunto co pentumeiro careto (Melanitta perspicillata) forman o subxénero Melanitta, mentres que o outro subxénero do clado, Oidemia, está formado polo Melanitta americana e o Melanitta nigra.
O nome do xénero procede da combinación das palabras gregas melanos, 'negro' e netta 'pato', e o seu nome específico fusca en latín significa 'escura'. O seu nome común, pentumeiro de á branca, fai referencia a que destaca no seu corpo negro o espello branco da á, que o diferencia do pentumeiro común (M. nigra).
É un anátido de tamaño mediano-grande, que mide de 51 a 58 cm de longo e ten unha envergadura alar de entre 79 e 97 cm, o que o converte no membro do seu xénero de maior tamaño. É corpulento e ten un pescozo longo e relativamente groso. O macho en plumaxe reprodutiva é completamente negro, a excepción da banda branca do espello das plumas secundarias da á, que é visible sobre todo en voo. Ademais ten unha pequena mancha branca debaixo do ollo e que se estende cara a atrás. O bico é cuneiforme e amarelo alaranxado coa base negra. A femia é similar aínda que de cor parda escura e co bico totalmente anegrado. Tamén ten espello branco pero non ten mancha baixo os ollos, aínda que presenta manchas faciais claras de debuxo variable, que adoitan estar sobre todo nas auriculares. Os xoves son similares ás femias, mais o seu ventre é pálido.[7]
Cría no norte de Europa e leste de Asia, desde Escandinavia ata a cunca do río Yenisei, aínda que existe unha poboación illada que cría en Turquía oriental. É un pato migratorio que pasa o invierno en rexións temperadas: as costas atlánticas europeas, de Escandinavia ao norte da Península Ibérica, as zonas montañosas do sur de Europa e algunhas zonas espalladas do Mediterráneo setentrional, chegando ata o mar Negro e o sur do Caspio. En Galicia esta ave é un invernante escaso ou unha ave de paso.[3]
Adoita descansar en bandadas non moi grandes e pouco densas. Cría bastante tarde. Para alimentarse mergúllase sen realizar un salto previo e coas ás medio abertas.[7] Aliméntase principalmente de moluscos e crustáceos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.