![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/07/US_Half_Dollar_Obverse_2015.png/640px-US_Half_Dollar_Obverse_2015.png&w=640&q=50)
Medio dólar Kennedy
moeda estadounidense de curso legal / From Wikipedia, the free encyclopedia
O medio dólar Kennedy é unha moeda estadounidense de curso legal cuñada por vez primeira en 1964 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos.
Medio dólar Kennedy [1] | |
---|---|
![]() |
![]() |
A/: Retrato de John F. Kennedy cara á esquerda. Marca de gravador (GR), marca de ceca e data.
Lendas: · LIBERTY / IN GOD WE TRUST. |
R/: Gran Selo dos EEUU (modificado) sobre o peito dunha aguia que sostén nas poutas unha póla de oliveira e un feixe con 13 frechas, e cun pergamiño no peteiro. Marca de gravador (FG).
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / HALF DOLLAR. |
Nota: estes datos refírense unicamente á serie ordinaria para a circulación. Ao logo do artigo achéganse os datos doutras emisións especiais para coleccionistas, en prata e en ouro. |
Concibiuse como unha homenaxe ao 35º presidente do país, John F. Kennedy, e a súa creación foi autorizada polo Congreso dos EEUU pouco despois dun mes do seu asasinato en novembro de 1963.
O uso de obras anteriores dos gravadores xefe da casa da moeda Gilroy Roberts e Frank Gasparro posibilitou unha rápida preparación dos cuños e a produción da nova moeda comezou xa en xaneiro de 1964.
A primeira versión deste medio dólar, realizada en prata, comezou a ser acaparada xa desde o seu lanzamento en marzo de 1964, tanto polos coleccionistas como polas persoas que querían un recordo do finado presidente, polo que a US Mint decidiu aumentar a súa produción, aínda que rara vez chegou a verse en circulación. As continuas subas do prezo da prata provocaron un aumento do acaparamento: moitos dos dólares Kennedy dese primeiro ano fundíronse polo seu contido de metal nobre. As pezas datadas a partir de 1965 viron reducido o seu contido en prata do 90 % inicial ao 40 % —só un revestimento de prata—, mais aínda con este cambio a moeda seguiu a ter pouca circulación. Finalmente, en 1971 acabou por eliminarse por completo o contido en prata desta moeda e incrementouse a súa produción, o que motivou un lixeiro aumento do seu uso por parte da poboación.
En 1975 e 1976 cuñouse un deseño especial da moeda de curso legal para conmemorar o Bicentenario dos Estados Unidos. Ademais da emisión estándar para a circulación, cuñouse tamén unha tiraxe especial con revestimento de prata destinada ao coleccionismo. Tamén en paralelo á emisión regular, en 1992 comezaron a producirse cuñaxes para introducir nos estoxos de presentación para os coleccionistas cun contido do 90 % de prata. E finalmente, en 2014 emitiuse unha versión especial do medio dólar Kennedy, non circulante, cun 99,99 % de ouro.
Aínda que a maioría das entidades bancarias dispoñen dunha ampla subministración de moedas circulantes de medio dólar, o seu uso segue a ser limitado. A produción dos medios dólares para a circulación xeral detívose en 2001, e entre 2002 e 2020 a súa cuñaxe limitouse a satisfacer a demanda dos coleccionistas, que debían adquirilo cun sobreprezo a través da tenda da Casa da Moeda. Finalmente, a partir de 2021 retomouse a súa produción para a súa posta en circulación ordinaria.[5]