política española From Wikipedia, the free encyclopedia
María Cristina de Habsburgo-Lorena (de nome completo Maria Christina Désirée Henriette Felicitas Rainiera von Habsburg-Lothringen), nada en Gross-Seelowitz, Moravia (Imperio Austríaco) o 21 de xullo de 1858 e finada en Madrid o 6 de febreiro de 1929, Exerceu de raíña consorte de España entre 1879 e 1885 polo seu casamento con Afonso XII (foi a segunda esposa). Cando este morreu converteuse na raíña rexente durante a minoría de idade do seu fillo Afonso XIII entre 1885 e 1902. Era coñecida popularmente co alcume de "dona Virtudes".[1]
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2015.) |
Por dereito de nacemento era arquiduquesa de Austria e princesa de Hungría, Bohemia, Croacia, Dalmacia e Eslavonia. Por vía materna, gardaba parentesco coa familia real española e austríaca, posto que era tataraneta de Carlos III de España e bisneta de Leopoldo II de Austria.
Filla do arquiduque Carlos Fernando de Austria e da arquiduquesa Isabel Francisca de Austria. Foi sobriña dos emperadores de Austria e de México: Francisco Xosé e Maximiliano I, e segunda esposa do rei Afonso XII de España. Exerceu a rexencia durante a minoría de idade do seu fillo, o rei Afonso XIII desde 1885 ata 1902. Gobernou España durante a Guerra Hispano-Estadounidense. Logo da derrota no conflito, e poloTratado de París (1898) o país perdería as últimas posesións do seu imperio colonial.
En 1879 converteuse na segunda esposa do rei Afonso XII, tras enviuvar este de María das Mercedes de Orleáns. Non conxeniou moi ben co extravertido monarca por mor do seu carácter tímido e tranquilo.
Dado que cando faleceu o soberano (1885) se achaba embarazada dun fillo que nacería póstumo, tivo que asumir a rexencia e, así, o 30 de decembro de 1885, xurou a Constitución, tal como quedou inmortalizada na obra de Sorolla. Meses máis tarde naceu o futuro Afonso XIII, quen se converteu na grande esperanza para o trono español. A raíña, inexperta nos negocios da política, deixouse asesorar por Sagasta, con quen acabaría trabando unha estreita amizade. María Cristina guiouse pola sensatez e o equilibrio nos seus dezasete anos de rexencia. Tivo por confesor a José Fernández Montaña, ao cal lle encargou a educación de Afonso XIII como preceptor. Pouco logo da morte do rei Afonso XII, co obxectivo de evitar os erros que deron lugar á crise do reinado de Isabel II, chegouse ao Pacto do Pardo, un acordo subscrito por Cánovas e Sagasta que instituíu o sistema de quendas pacíficas no exercicio do poder entre liberais e conservadores e consolidou a Restauración ata finais do século XIX e principios do XX. O papel de Cristina no sistema de goberno foi representativo, xa que non participou nos enfrontamentos entre os partidos dinásticos, respectando a quenda á hora de chamar os candidatos a formar goberno aínda que se sentiu máis próxima a Sagasta e non puxo dificultades ao mantemento de longos períodos de goberno do partido liberal. Promulgáronse, entre outras, a Lei de Sufraxio Universal e a Lei de Asociacións.
Nos seus últimos anos de rexencia agravouse o problema marroquí e agudizouse a conflitividade social. Desta época datan tamén os inicios do catalanismo político. Ademais, a perda das tres últimas colonias hispanoamericanas en 1898 e o inicio da descomposición dos dous partidos da quenda ao desaparecer Cánovas e Sagasta poucos anos despois, sumiron o país nunha grave crise, que evidenciou de xeito claro a inoperancia que adquiriu coincidindo co cambio de século o réxime da Restauración. O seu máis fervente desexo era traspasar a Coroa ao seu fillo, desexo que viu cumprido en 1902, cando Afonso XIII alcanzou a maioría de idade e foi proclamado rei de España. Desde ese momento consagrouse ás obras de caridade e á súa vida familiar e, a partir de 1906, ao contraer matrimonio o seu fillo Afonso con Vitoria Uxía de Battenberg utilizou o título de "Raíña Nai". Faleceu no Palacio Real de Madrid o 6 de febreiro de 1929 e foi enterrada no Mosteiro do Escorial.
Tivo tres fillos con Afonso XII:
Dende 1885 até 1902, período no que exerceu a rexencia, o seu título completo foi: A Súa Maxestade a Raíña Rexente do Reino Dona María Cristina de Habsburgo-Lorena.
Predecesor: María das Mercedes de Orleáns |
Raíña consorte de España 1879 - 1885 (Rexente 1885-1902) |
Sucesor: Vitoria Uxía de Battenberg |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.