Martiño Lutero
teólogo e relixioso alemán / From Wikipedia, the free encyclopedia
Martiño Lutero[1][2], Martín Lutero[3] ou Martin Luther, e inicialmente Martin Luder,[4] nado en Eisleben o 10 de novembro de 1483 e finado no mesmo lugar o 18 de febreiro de 1546, foi un teólogo, filósofo e frade católico agostiño que comezou e impulsou a Reforma protestante en Alemaña e cuxos ensinos inspiraron a doutrina teolóxica e cultural denominada luteranismo.[5]
Lutero foi ordenado sacerdote en 1507. Chegou a rexeitar varias ensinanzas e prácticas da igrexa católica romana; en particular, cuestionou a opinión sobre as indulxencias. Lutero propuxo un debate académico sobre a práctica e a eficacia das indulxencias nas súas Noventa e cinco tese de 1517. A súa negativa a renunciar a todos os seus escritos a petición do papa León X en 1520 e do emperador Carlos V do Sacro Imperio Romano Xermánico na Dieta de Worms en 1521 deu lugar á súa excomuñón polo papa e a condena como proscrito polo Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico.
Lutero ensinou que a salvación e, en consecuencia, a vida eterna non se gañan con boas obras, senón que se reciben unicamente como don gratuíto da graza de Deus a través da fe do crente en Xesucristo como redentor do pecado. A súa teoloxía desafiou a autoridade e o oficio do papa ao ensinar que a Biblia é a única fonte de coñecemento divinamente revelado,[6] e opúxose ao sacerdotalismo ao considerar que todos os cristiáns bautizados gozan dun sacerdocio santo.[7] Os que se identifican con estes ensinos, e con todos os de Lutero en xeral, denomínanse luteranos, aínda que Lutero insistiu en que cristián ou evanxélico (alemán: evangelisch) eran os únicos nomes aceptables para as persoas que profesaban a Cristo.
Lutero exhortaba á Igrexa para regresar aos ensinos orixinais da Biblia,[8] o que produciu unha reestruturación das igrexas cristiás católicas en Europa. A reacción da Igrexa católica ante a Reforma protestante foi a Contrarreforma. As súas contribucións á civilización occidental esténdense máis aló do ámbito relixioso, xa que as súas traducións da Biblia á lingua vernácula alemá (en lugar do latín) fíxoa máis accesible aos laicos, un acontecemento que tivo un tremendo impacto tanto na igrexa como na cultura alemá. Fomentou o desenvolvemento dunha versión estándar da lingua alemá, engadiu varios principios á arte da tradución,[9] e influíu na redacción da tradución ao inglés, da Biblia de Tyndale.[10] Os seus himnos influíron no desenvolvemento do canto nas igrexas protestantes.[11] O seu matrimonio con Catarina de Bora, o 13 de xuño de 1525, iniciou un movemento de apoio ao matrimonio sacerdotal dentro de moitas correntes cristiás.[12][13]
Tres anos antes de morrer, escribiu un tratado de antixudaísmo cristián chamado Von den Jüden und iren Lügen (en galego, Sobre os xudeus e as súas mentiras),[14][15] onde exhortaba ao asasinato de xudeus, a queimar as súas propiedades e sinagogas. A súa retórica non estaba só dirixida aos xudeus, senón tamén aos católicos, anabaptistas e cristiáns non trinitarios.[16] Baseándose nas súas significativas ensinanzas antixudaísta,[17][18][19][20] a opinión predominante entre os historiadores é que a súa retórica contribuíu significativamente ao desenvolvemento do antisemitismo en Alemaña e do Partido Nazi.[21][22][23] Lutero morreu en 1546 coa excomuñón do papa León X aínda en vigor.
É o pai espiritual da Reforma protestante e a súa influencia foi enorme nas doutrinas e cultura da tradición luterana e protestante en xeral. Como monxe agostiño tornouse teólogo e quería alcanzar reformas, vistas como necesarias, sen inicialmente pretender dividir a igrexa.