Tradución
produción dun texto correspondente a outro nunha lingua distinta / From Wikipedia, the free encyclopedia
A tradución (do latín traducere: facer pasar dun lugar a outro) é unha actividade que comprende a interpretación do significado dun texto nun idioma, o texto orixe, a un texto equivalente noutro idioma, o texto meta. Tamén o produto desta actividade, o texto meta, denomínase tradución.
Tradicionalmente, a tradución foi unha actividade desenvolvida por humanos. Porén, hai numerosos intentos de automatizar a tarefa de traducir textos naturais (tradución automática) ou de utilizar ordenadores para apoiar esta tarefa (tradución asistida por ordenador). Un exemplo de tradución asistida sería o uso dunha memoria de tradución.
O obxectivo da tradución é crear unha relación entre o texto orixe e o texto meta, é dicir, que ambos textos comuniquen unha mensaxe equivalente. Cómpre, xa que logo, ter en conta aspectos coma o xénero textual, o contexto, as regras gramáticais de cada idioma, as convencións estilísticas ou a fraseoloxía, entre outros.
É importante diferenciar a tradución da interpretación. No primeiro caso, a mensaxe transmítese por escrito, mentres que na interpretación, a mensaxe exprésase de xeito oral ou mediante xesticulación, como acontece na lingua de signos.