Mark Knopfler
Guitarrista británico / From Wikipedia, the free encyclopedia
Mark Freuder Knopfler, nado o 12 de agosto de 1949, é un cantante, compositor, guitarrista e produtor musical británico. Nado en Escocia e criado en Inglaterra, foi o guitarrista principal, cantante e compositor da banda de rock Dire Straits. Dedicouse á súa carreira en solitario tras a disolución da banda en 1988. Dire Straits reuniuse de novo en 1990, mais disolveuse outra vez en 1995; Knopfler agora é un artista independente.
Naceu en Glasgow, Escocia, e foi criado en Blyth, preto de Newcastle, en Inglaterra, desde que tiña sete anos. Após se graduar na Universidade de Leeds e traballar durante tres anos de profesor universitario, Knopfler fundou Dire Straits co seu irmán máis novo, David Knopfler. A banda gravou seis álbums, incluíndo Brothers in Arms (1985), un dos discos máis vendidos da historia. Despois de se disolver en 1995, Knopfler empezou unha carreira en solitario e ten producido nove álbums.[1] Ten composto e producido bandas sonoras para nove filmes, incluíndo Local Hero (1983), Cal (1984), The Princess Bride (1987), Wag the Dog (1997) e Altamira (2016).[2] Ten producido álbums para Tina Turner, Bob Dylan e Randy Newman.
Descrito por Classic Rock como un virtuoso,[3] Knopfler é un guitarrista de fingerstyle e foi colocado no cuadraxésimo cuarto posto na listaxe dos cen mellores guitarristas da historia da revista Rolling Stone.[4] En 2009 el e Dire Straits venderan máis de 120 millóns de discos.[5][6] Gañador de catro premios Grammy, Knopfler foi galardoado co premio Edison, o premio Steiger e o premio Ivor Novello, ademais de lle seren outorgados tres doutorados honorarios en música por universidades no Reino Unido.[7][8] Knopfler foi admitido no Salón da Fama do Rock como membro de Dire Straits en 2018.[9]