![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a1/MarijaSpiridonova.jpg/640px-MarijaSpiridonova.jpg&w=640&q=50)
Mariia Spiridonova
revolucionaria rusa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Mariia Aleksandrovna Spiridonova (en ruso Мари́я Алекса́ндровна Спиридо́нова), nada en Tambov (Rusia) o 16 de outubroxul./ 28 de outubro de 1884greg. e finada no bosque Medvedevsk preto de Oriol o 11 de setembro de 1941, foi unha revolucionaria rusa de principios do século XX, destacada dirixente do Partido Socialrevolucionario de Esquerda (PSRE).[2] Paradigma por excelencia de terrorista revolucionaria do último período tsarista, foi a candidata gobernamental a presidir a Asemblea Constituínte logo da Revolución de Outubro.[3] Logo de organizar o asasinato do embaixador alemán no verán de 1918, os bolxeviques detivérona.[3] Pasou o resto da súa vida no exilio interior e en diversas prisións e campos de traballo.[3] Durante as Purgas de Stalin, foi arrestada xunto con outros doce antigos membros do PSRE en Ufa, onde vivían no exilio (8 de febreiro de 1937).[4]
![]() | Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xaneiro de 2018) |
![]() Mariia Spiridonova cara a 1906. | |
Nome orixinal | Mariia Aleksandrovna Spiridonova Мари́я Алекса́ндровна Спиридо́нова |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 16 de outubro de 1884 [lower-alpha 1][1]![]() |
Morte | 11 de setembro de 1941 (56 anos)![]() |
Causa da morte | ferida por arma de fogo ![]() |
Membro da Asemblea Constituínte Rusa | |
18 de xaneiro de 1918 – 19 de xaneiro de 1918 ![]() | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | rusa |
Actividade | |
Ocupación | Revolucionaria |
Partido político | Socialistas Revolucionários de Esquerda (pt) ![]() Partido Social-Revolucionario (1905–1917) ![]() |
Lingua | Lingua rusa ![]() |
Outro | |
Cónxuxe | Ilya Mayorov |
Condenado por | asasinato ![]() |
Naceu no seo dunha familia nobre na provincia de Tambov en 1884 e formouse en enfermaría, mais en 1905 abandonou os estudos e entregouse á actividade revolucionaria como membro do Partido Social-Revolucionario (PSR).[5] Condenada a morte polo asasinato de Gavriil Nikolaevich Luzhenovski, responsable policial dun distrito da provincia de Tambov, a presión popular obrigou a conmutar a pena por cadea perpetua.[6] O seu maltrato durante o seu período de encarceramento converteuna nun mito entre o campesiñado e a súa popularidade foi empregada posteriormente polo partido.[6] Pasou os dez anos seguintes en prisión en Siberia.[7] Continuamente enferma e con períodos de depresión, apenas participou nas actividades organizadas polas súas compañeiras de cativerio.[8]
Foi liberada cando estalou a Revolución de Febreiro de 1917.[9] Converteuse axiña nunha das principais representantes da corrente máis esquerdistas do PSR.[10] Icona revolucionaria da esquerda do PSR, foi o paladín dos que se opuñan a continuar a guerra mundial e desexaban acabar con calquera vestixio da autocracia tsarista.[11] Máis consumada axitadora e símbolo moral que hábil política, inspiraba e convencía polo seu exemplo persoal e a súa firme fe case relixiosa na capacidade do individuo para levar a cabo unha profunda reforma moral e social.[12] A pesar de non pertencer á dirección nacional do PSR, participou intensamente nas actividades tanto da sección do partido na capital —dominada xa polos socialrevolucionarios de esquerda— como no campo.[13] Mentres a dirección moderada do partido avogaba por manter a revolución limitada á política e por non emprender mudanzas sociais, Spiridonova, do mesmo xeito que a corrente máis esquerdistas dos socialrevolucionarios, propugnaba unha gran transformación social.[14] Logo da fracasada tentativa do xeneral Kornilov de tomar o poder, comezou a vituperar máis intensamente o Goberno e a dirección do partido, personificada en Chernov.[15][16] Hábil oradora, converteuse axiña na alma da corrente esquerdista do partido que pronto se escindiría do PSR.[12]
Acudiu á capital para asistir ao II Congreso dos Soviets, simultáneo á Revolución de Outubro.[17] Membro da presidencia do congreso, participou na abolición da pena de morte aos desertores.[18] Inicialmente, Spiridonova avogou pola formación dun Goberno socialista de coalición mais,[12][19] cando isto resultou imposible, defendeu con ardor a coalición entre o Partido Socialrevolucionario de Esquerda (PSRE) e os bolxeviques.[13] Converteuse nunha das personalidades máis destacadas do PSRE.[20] A finais de 1917 e principios de 1918, tomou o control total da organización de consellos campesiños, ata aquela en mans do PSR.[21] Logo da unión dos soviets de soldados e obreiros cos de campesiños, mantívose unha sección campesiña separada, presidida por Spiridonova, que foi a principal responsable da extensión do sistema de soviets no campo, o fomento do apoio ao goberno soviético, a preparación da reforma agraria e a defensa dos intereses campesiños en xeral.[22] Permaneceu á fronte desta sección do CEC entre o segundo e o quinto congreso soviético.[23]
Decidida partidaria do Goberno bolxevique durante os primeiros meses deste, en xuño de 1918 pasou á oposición.[24] Defensora de retomar o terrorismo contra os representantes alemáns en Rusia para anular o Tratado de Brest-Litovsk, aprobou o asasinato do embaixador alemán en xullo durante o «alzamento socialrevolucionario».[25] Arrestada entón, pasou o resto da súa vida entre a clandestinidade e as prisións e exilios interiores.[25] Logo de varias detencións, foi liberada finalmente o 18 de novembro de 1921, coa condición de que abandonase toda actividade política, limitación que cumpriu.[26]
Pasou catorce anos exiliada: en Kaluga entre 1923 e 1925, en Samarcanda entre 1925 e 1928 e en Tashkent entre 1928 e 1930.[27] En 1931 foi enviada a Ufa, onde traballou como planificadora económica experta nun banco agrícola, actividade que consideraba a súa pequena contribución ao establecemento do socialismo.[27] O 8 de febreiro de 1937, foi detida xunto cos seus compañeiros de piso: non volveu recuperar a liberdade.[28] Encarcerada en diversas prisións, finalmente na de Oriol xunto ao seu marido, foi fusilada en 1941, días antes de que a cidade caese en mans dos alemáns durante a Operación Barbarossa.[29] En 1992, anuláronse os cargos polos que fora exiliada en 1918 e foi completamente rehabilitada.[30]