Métopas do Partenón
placas esculpidas situadas orixinalmente no Partenón na Acrópole de Atenas / From Wikipedia, the free encyclopedia
As Métopas do Partenón son un conxunto de noventa e dúas placas cadradas esculpidas en mármore do Pentélico, situadas orixinalmente arredor do arquitrabe do Partenón na Acrópole de Atenas. Foron esculpidas por varios artistas aínda que o mestre de obras foi certamente Fidias. Foron talladas entre o 447-446 a.C. e o 438-442 a.C. como data probábel de finalización. A maioría deles están moi danadas e,xeralmente, aparecen dous personaxes en cada métopa.
As interpretacións destas métopas non son máis que hipóteses realizadas a partir das siluetas, ás veces apenas perceptibles, en comparación con outras representacións da época (principalmente vasos). Pénsase que en cada lado do Partenón habería un tema común representado por un feixe de episodios concretos: a Amazonomaquia no oeste, a caída de Troia no norte, a xigantomaquia no leste e a loita de centauros contra lápitas no sur. As métopas teñen un tema exclusivamente bélico, igual que a decoración da estatua crisoelefantina de Atenea Partenos que se atopa no Partenón. Semella ser unha evocación da oposición entre a orde e o caos, entre o humano e o animal (aínda que, ás veces, aparezan tendencias animais nos humanos), entre a civilización e a barbarie, incluso Occidente e Oriente. Este tema xeral considérase como unha metáfora das Guerras médicas e, polo tanto, unha valoración da cidade de Atenas.
A maioría das métopas foron destruídas sistematicamente polos cristiáns cando o Partenón se transformou nunha igrexa ao redor do século VI e VII. Porén, a utilización do edificio como polvoreira durante a ocupación polos otománs e o posterior estoupido durante o sitio de Atenas polos venecianos en setembro de 1687, remataron por destruílas na súa maior parte. Conserváronse mellor as métopas do lado sur e, delas, catorce están no Museo Británico de Londres e unha no Louvre. As dos lados restantes, moi danadas, permanecen en Atenas e, algunha aínda está na localización orixinal do edificio. Dúas cabezas que faltan doutra métopa están exhibidas no Museo Nacional de Copenhague, e outra máis na Universidade de Würzburg. Tamén hai varios fragmentos depositados nos Museos Vaticanos.[1]