Lóxica
Estudo dos razoamentos expresados lingüisticamente / From Wikipedia, the free encyclopedia
A lóxica, termo con orixe no grego λογική logos, 'razón', 'palabra', é a parte da filosofía e das matemáticas que se ocupa dos razoamentos expresados lingüisticamente. Estuda a súa estrutura, a súa forma e a súa corrección e establece cando un razoamento está ben construído e podemos, polo tanto, asegurar a validez da súa conclusión.
Así como o obxecto de estudo tradicional da química é a materia, e o da bioloxía a vida, o da lóxica é a inferencia. A inferencia é o proceso polo cal se derivan conclusións a partir de premisas.[1] A lóxica investiga os principios polos cales algunhas inferencias son aceptables, e outras non. Cando unha inferencia é aceptable, éo pola súa estrutura lóxica, e non polo contido específico do argumento ou a linguaxe utilizada. Por esta razón a lóxica considérase unha ciencia formal, como a matemática, no canto dunha ciencia empírica.
A lóxica tradicionalmente foi considerada unha rama da filosofía. Pero desde finais do século XIX, a súa formalización simbólica demostrou unha íntima relación coas matemáticas, e deu lugar á lóxica matemática. No século XX a lóxica pasou a ser principalmente a lóxica simbólica, un cálculo definido por símbolos e regras de inferencia, o que permitiu a súa aplicación á informática. Até o século XIX, a lóxica aristotélica e estoica mantiveron sempre unha relación cos argumentos formulados en linguaxe natural. Por iso, aínda que eran formais, non eran formalistas.[2] Hoxe esa relación trátase baixo un punto de vista completamente diferente. A formalización estrita mostrou as limitacións da lóxica tradicional ou aristotélica, que hoxe se interpreta como unha parte pequena da lóxica de clases.