Libre albedrío
Habilidade dos humanos a facer escollas libres e tomar as súas propias decisións / From Wikipedia, the free encyclopedia
O libre albedrío é a crenza daquelas doutrinas filosóficas que sosteñen que os humanos teñen o poder de elixir e tomar as súas propias decisións así mesmo libre albedrío é a capacidade ou habilidade nocional de elixir entre diferentes cursos posibles de acción sen impedimentos. [1] Moitas autoridades relixiosas teñen apoiado dita crenza, mentres que foi criticada como unha forma de ideoloxía individualista por pensadores tales como Baruch de Spinoza, Arthur Schopenhauer, Karl Marx ou Friedrich Nietzsche. O concepto é comunmente usado e ten connotacións obxectivas ao indicar a realización dunha acción por un axente non-condicionado integramente ligado por factores precedentes e subxectivos no cal a percepción da acción do axente foi inducida pola súa propia vontade.
O principio do libre albedrío ten implicacións relixiosas, éticas, psicolóxicas, xurídicas e científicas. Por exemplo, na ética pode supor que os individuos poden ser responsables das súas propias accións. Na psicoloxía, implica que a mente controla algunhas das accións do corpo, algunhas das cales son conscientes. No reino científico, o libre albedrío pódese percibir nas accións do corpo, incluíndo o cerebro, que non son determinadas enteiramente pola causalidade física.
A existencia do libre albedrío foi un tema central ao longo da historia da filosofía e a ciencia.
O libre albedrío está estreitamente vinculado aos conceptos de responsabilidade moral, eloxio, culpabilidade, pecado e outros xuízos que só se aplican ás accións libremente elixidas. Tamén está relacionado cos conceptos de consello, persuasión, deliberación e prohibición. Tradicionalmente, só as accións que son libremente voluntarias son vistas como merecedoras de crédito ou culpa. Se existe o libre albedrío, que é e as implicacións de se existe ou non constitúen algúns dos debates máis antigos da filosofía e da relixión. Algúns conciben o libre albedrío como a capacidade de actuar máis aló dos límites de influencias ou desexos externos.
Algúns conciben o libre albedrío como a capacidade de tomar decisións indeterminadas por acontecementos pasados. O determinismo suxire que só é posible un único curso dos acontecementos, o que é incoherente cun modelo libertario de libre albedrío..[2] A filosofía grega antiga identificou esta cuestión,[3] que segue sendo un dos principais focos de debate filosófico. O punto de vista que concibe que o libre albedrío é incompatible co determinismo denomínase incompatibilismo e abarca tanto o libertarianismo metafísico (a afirmación de que o determinismo é falso e, por tanto, o libre albedrío é polo menos posible) como o determinismo duro (a afirmación de que o determinismo é verdadeiro e, por tanto, o libre albedrío non é posible). Outra posición incompatibilista é o incompatibilismo duro, que sostén que non só o determinismo senón tamén o indeterminismo son incompatibles co libre albedrío e que, por tanto, o libre albedrío é imposible sexa cal for o caso do determinismo.
Pola contra, compatibilistas sosteñen que o libre albedrío é compatible co determinismo. Algúns compatibilistas mesmo sosteñen que o determinismo é necesario para o libre albedrío, argumentando que a elección implica a preferencia por un curso de acción sobre outro, o que require un sentido de como resultarán as eleccións.[4][5] Así, os compatibilistas consideran que o debate entre libertarios e deterministas duros sobre libre albedrío vs. determinismo é un falso dilema[6] Os distintos compatibilistas ofrecen definicións moi diferentes do que significa "libre albedrío" e, en consecuencia, consideran que distintos tipos de restricións son relevantes para a cuestión. Os compatibilistas clásicos consideraban que o libre albedrío non era máis que a liberdade de acción, considerando que un é libre de vontade simplemente se, "de" querer facer outra cousa, un "podería" facer outra cousa sen impedimentos físicos. En cambio, moitos compatibilistas contemporáneos identifican o libre albedrío cunha capacidade psicolóxica, como a de dirixir o propio comportamento dun modo que responda á razón, e existen aínda máis concepcións diferentes do libre albedrío, cada unha coas súas propias preocupacións, que só comparten a característica común de non atopar a posibilidade do determinismo unha ameaza para a posibilidade do libre albedrío.[7]