Liña de Wallace
From Wikipedia, the free encyclopedia
A liña de Wallace é unha liña que marca a fronteira entre tipos de fauna trazada en 1859 polo naturalista británico Alfred Russel Wallace[1] e nomeada así por Thomas Henry Huxley, que separa as ecozonas de Asia e Wallacea, unha zona transicional entre Asia e Australia. Ao oeste desa liña viven organismos relacionados coas especies asiáticas; ao leste, vive unha mestura de especies de orixe asiática e australiana. Wallace decatouse desta clara división durante as súas viaxes polas Indias Occidentais no século XIX.
A liña discorre a través de Indonesia, entre Borneo e Sulawesi (Célebes), e a través do estreito de Lombok entre Balí e Lombok. A distancia entre Balí e Lombok é pequena, duns 35 km. As distribucións de moitas especies de aves teñen como límite esta liña, xa que moitas aves non cruzan nin sequera os estreitos máis curtos de augas oceánicas abertas. Algúns morcegos teñen distribucións que cruzan a liña, pero os animais terrestres máis grandes están xeralmente limitados a vivir a un dos lados da liña; son excepcións os macacos, porcos e tarseiros en Sulawesi. Outros grupos de plantas e animais mostran padróns que difiren cos límites marcados pola liña, pero o padrón xeral global é forte e razoablemente consistente coa liña. A flora non segue a liña de Wallace na mesma extensión que a fauna.[2] Un xénero de plantas que non cruza a liña é o xénero australiano Eucalyptus.