Liña celular inmortalizada
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha liña celular inmortalizada, ou abreviado frecuentemente como liña celular, é unha poboación de células procedentes dun organismo pluricelular que debido a unha mutación casual ou inducida, evadiron os mecanismos naturais de senescencia celular e poden manterse en cultivo en división de maneira practicamente indefinida. Contrariamente, se se extraen células normais dun organismo pluricelular e se intentan manter en cultivo, proliferan un número finito e reducido de veces (é o que se denomina cultivo primario). As células inmortalizadas poden cultivarse durante moito tempo in vitro. As mutacións necesarias para a inmortalidade poden producirse de maneira natural ou ser inducidas intencionadamente con finalidades experimentais. As liñas celulares inmortais son unha ferramenta moi importante para a investigación en diversos campos da bioquímica, a bioloxía celular e a biotecnoloxía. Dado o seu baixo custo, a súa facilidade de uso e a reproducibilidade dos resultado entre diferentes experimentos e diferentes laboratorios, as líñas de células continuas utilízanse desde hai moitos anos. Compártense entre investigadores e iso permite a reprodución e a confirmación dos resultados.[1]
Non se deben confundir as liñas celulares inmortalizadas coas células nai que se encontrn nun organismo, que tamén se poden dividir indefinidamente. As células nai forman parte normal do desenvolvemento dun organismo pluricelular. As liñas celulares inmortalizadas, ao contrario, son células que foron illadas dun organismo, é dicir, non forman parte xa do organismo nin interveñen nas súas funcións, e mantéñense de maneira “artificial” en cultivo como unha ferramenta de estudo para a investigación. Tamén se utiliza ás veces o termo liña celular (non inmortalizada) para indicar a liña de células que durante o seu desenvolvemento e diferenciación naturais dá lugar a outras células; por exemplo, pode falarse da liña celular do monocito/macrófago, a liña celular dos espermatozoides ou a liña xerminal.