From Wikipedia, the free encyclopedia
Un leprechaun (en irlandés: leipreachán, pronunciado [ˈlʲɛpˠɾʲəˌxaːnˠ] aproximado a "lep-ruh-kawn") é unha criatura fantástica propia da mitoloxía irlandesa. Adóitase representar como un home pequeno con barba, que leva un abrigo e un sombreiro, e que gosta de facer trasnadas. Segundo a cultura popular os leprechauns son criaturas solitarias que fan e remendan zapatos e que posúen unha pota de ouro ao final do arco da vella. Se son capturados por un ser humano teñen o poder máxico de conceder tres desexos a cambio da súa liberdade. Ao igual que acontece con outras criaturas fantásticas de Irlanda, os leprechauns están relacionados cos Tuatha Dé Danann.[1]
Leprechaun/Leipreachán | |
---|---|
Personaxe de varias obras literarias e audiovisuais/ Folclore irlandés | |
Leprechaun típico | |
Creador(es) | Colectivo cultural irlandés |
Información | |
Nome orixinal | Véxase o apartado "etimoloxía"; O plural de "leprechaun" en inglés é "leprechauns", o plural de "leipreachán" en irlandés é "leipreacháin". |
Raza | Ser mitolóxico |
Sexo | Masculino (xeralmente) |
Estatura | Pequeno |
Especialidade | Esconder ouro, facer e arranxar zapatos |
Ocupación | Zapateiro |
Equipamento | Pote de ouro |
Inimigos | Calquera que queira o seu ouro |
Residencia | Illa de Irlanda (mitoloxía), trasladado a fóra da illa en diversas obras de ficción |
Nacionalidade | Irlandesa (mitoloxía) |
Status actual | Mito |
As representacións modernas dos leprechauns baséanse en gran medida en caricaturas e estereotipos despectivos dos irlandeses do século XIX.[2]
O termo angloirlandés "leprechaun" provén do irlandés antigo "luchorpán" ou "lupracán", a través de diversas formas en irlandés medio como "luchrapán" ou "lupraccán".[3][4]
Na Irlanda moderna, a grafía "leipreachán" é a máis común, pero existen numerosas variantes rexionais.
O suplemento ao dicionario irlandés-inglés de O'Reilly, redactado por John O'Donovan, define "lugharcán, lugracán, lupracán" como "un espírito, un pigmeo; unha fada de tamaño diminuto, que sempre leva unha bolsa que contén un xelín".
Unha etimoloxía popular deriva a palabra de "leith" (metade) e "bróg" (zapato), reflectindo a representación común do leprechaun a traballar nun único zapato.[4]
Os leprechauns tiñan orixinalmente unha aparencia diferente dependendo do lugar de Irlanda no que se atopasen.[5] Antes do século XX dicíase que os leprechauns vestían de vermello e non de verde. Samuel Lover, describe un leprechaun en 1831 do seguinte xeito:
... moi elegante no seu vestir, non obstante, leva un abrigo vermello de corte cadrado ricamente anoado con ouro, un sombreiro bicorne, zapatos e fibelas[6].
De acordo co dramaturgo irlandés William Butler Yeats, as criaturas solitarias como os leprechauns levan chaquetas vermellas mentres que as criaturas e fadas gregarias van de verde.
"A chaqueta dun leprechaun ten sete ringleiras de botóns para sete ringleiras de ollais. Na costa occidental de Irlanda dise que a chaqueta vermella está cuberta por outra de friso. No Ulster a criatura leva un bicorne e cando se sente infrecuentemente falcatrueira salta sobre unha parede e xira, equilibrándose na punta do sombreiro e cos talóns no aire."[7]
De acordo con David Russell McAnally,
"Mide tres pés de alto e viste unha pequena chaqueta vermella. Leva pantalóns vermellos cunha fibela en cada xeonllo, medias grises ou negras e un sombreiro bicorne, do estilo de hai un século, sobre unha face pequena, vella e murcha. Arredor do pescozo leva unha gorgueira isabelina e volantes de encaixe no pulso. Na salvaxe costa occidental, onde os ventos do Atlántico traen case constantemente choiva, prescinde da gorgueira e os volantes e leva un abrigo friso sobre a súa fermosa chaqueta vermella, así que, se non fora polo sombreiro bicorne, poderías pasar a carón dun leprechaun pola estrada e nunca saber se é el realmente."
O leprechaun está relacionado co clurichaun e co far darrig, que tamén son descritos como criaturas solitarias na mitoloxía irlandesa. O trasno da mitoloxía galega presenta semellanzas co leprechaun, pois tamén é anano, gosta das falcatruadas e adoita vestir de vermello.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.