Leonesismo
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
O leonesismo é un movemento cultural e socio-político, rexionalista ou nacionalista, que persegue o recoñecemento de parte dos territorios do antigo Reino de León, denominados País Leonés ou Rexión Leonesa, é dicir: as provincias de León, Zamora e Salamanca), como rexión e nacionalidade histórica, e o seu establecemento en comunidade autónoma propia, separada de Castela e León.
O principal partido político leonesista é a Unión del Pueblo Leonés (UPL).
Entre os anos 1900 e 1934, Miguel Bravo Guarida, Miguel Díez Canseco e José Eguiagaray impulsaron o rexionalismo cultural leonés, desenvolvido a través de artigos de prensa, festas como os Xogos Florais, o centenario do Padre Isla, e sobre todo, a celebración do IX Centenario dos Foros de León, ou accións como a adopción do Pendón Real púrpura co escudo de León e a organización, por parte da Deputación de León, dunha biblioteca rexional de temas e autores leoneses.
Xorden nesta época numerosas sociedades e publicacións rexionalistas leonesas, sendo a primeira o Ateneo Leonés (1910). Outras foron Amigos del Pueblo (1915), Centro Leonés (1917), Vida Leonesa (1920), Sociedad de Estudios Leoneses (1926), Instituto de Estudios Leoneses (1930) ou Veladas Leonesas (1931).
Especial atención merece o grupo Tradiciones Leonesas (1932-1938), formado por destacados intelectuais como Domínguez Berrueta, Roa de la Vega, José González ou o alcalde de León, José Eguiagaray. Este definiu os ideais deste movemento leonesista: "Representarnos ante o poder central sen fulanismos, protestar polo abandono que sofren os gandeiros e agricultores leoneses, esixir ferrocarrís nas concas mineiras e coidar e fomentar as nosas veneradas tradicións". Politicamente estivo ligado a Acción Agraria Leonesa, liderado por Antonio Álvarez Robles, e a Acción Femenina Leonesa, de Francisca Bohigas.
En 1933 creouse o grupo rexionalista leonés Amigos de León por Manuel Fernández Núñez, baseado na defensa dos intereses industriais, agrícolas e tradicionais da rexión leonesa, mentres que Ricardo Pallarés, presidente da Deputación de León en 1931, foi un dos fundadores do Partido Republicano Leonés Autónomo ou Alianza Republicana.
Eguiagaray propuxo, en marzo de 1934, no Diario de León a creación dunha Liga Rexional Leonesa como un centro de estudos leoneses, coa súa sección de estudos económicos e comerciais. Ademais, xorde o Grupo "pro León". Tamén nese mesmo ano nace o Orfeón Leonés. O seu director, J. Pinto Maestro foi o autor da letra do "Himno a León", estreado en 1934 con motivo do quinto centenario da xesta do “Paso Honroso” e da figura do cabaleiro Suero de Quiñones. Este himno foi declarado oficialmente himno de León en 1978.
Durante o proceso preautonómico español, de finais da década de 1970, xurdiron numerosos grupos leonesistas nas tres provincias da rexión de León, que reivindicaron a creación dunha comunidade autónoma leonesa: en Zamora a pioneira Ciudadanos Zamoranos (CC.ZZ.), en Salamanca o Grupo Regionalista Salamantino (GRES), e en León o Concejo Abierto Leonés (CAL) ou a Asamblea Independiente Leonesa (AIL).
Ademais, durante eses anos e o resto da década de 1980, comézanse a organizar os primeiros partidos políticos propiamente leonesistas, como o Bloque Autonomista del País Leones, o Grupo Autonómico Leonés (GAL), o Partido Regionalista del País Leonés (PREPAL), coa súa organización xuvenil Juventudes Leonesistas (JJ.LL.), ou o Bloque Agrario (BA).
Na década de 1990 creouse a Unión del Pueblo Leonés (UPL) e Conceyu Xoven, unha organización xuvenil que estivo vinculada á UPL, pero quedou fora do partido ao fundarse Juventudes Leonesistas[1] coma nova organización xuvenil do partido en 2010. Xa no século XXI, fundouse-a partir dunha escisión da UPL-o chamado Partido Autonomista Leonés - Unión Leonesista (PAL-UL) en 2005. Tamén se creou ese ano o Colectivo Ciudadanos del Reino de León.
En 2007, creouse Agora País Llionés, unha organización de esquerda soberanista, que conta con concellos en León, Zamora e Salamanca.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.