![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/91/John-milton.jpg/640px-John-milton.jpg&w=640&q=50)
John Milton
From Wikipedia, the free encyclopedia
John Milton, nado en Londres o 9 de decembro de 1608 e finado na mesma cidade o 8 de novembro de 1674 foi un poeta e ensaísta inglés, coñecido especialmente polo seu poema épico Paradise Lost. Politicamente foi unha figura importante entre os que apoiaron a Mancomunidade de Inglaterra. Ocupou o posto de ministro de linguas estranxeiras baixo o mandato de Oliver Cromwell e os seus tratados políticos foron consultados para a redacción da Constitución dos Estados Unidos de América.[1]
Poeticamente, Milton é unha das figuras máis importantes do panorama literario inglés, sendo en ocasións situado ao mesmo nivel que Shakespeare. A influencia de Milton na literatura posterior é ampla e variada: atribúese á influencia da súa obra a aceptación e difusión do verso branco en poesía, e, especialmente durante o Romanticismo, as alusións á súa obra alcanzaron un nivel similar ao gozado polas referencias clásicas.[2] A propia personalidade de Milton foi en ocasións debatida e criticada, en especial, a forma na que se debuxou a si mesmo nalgunhas das súas obras, sobre todo na Defensio.[3]