![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a8/Galicia%252C_un_relato_no_mundo%252C_01-24b%252C_Viaxe_de_Exeria.jpg/640px-Galicia%252C_un_relato_no_mundo%252C_01-24b%252C_Viaxe_de_Exeria.jpg&w=640&q=50)
Itinerario de Exeria
relato da peregrinación a Terra Santa de Exeria na Idade Antiga / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Itinerario de Exeria, tamén coñecido como Itinerarium Egeriae, Peregrinatio Aetheriae ou Peregrinatio ad Loca Sancta, é un conxunto de textos en latín escritos por Exeria relatando a súa peregrinación dende a Gallaecia ata Terra Santa entre os anos 381 e 384.[1][2]
Itinerario de Exeria | |
---|---|
Biblioteca Comunale de Arezzo (Italia) | |
![]() Códice exposto na mostra Galicia, un relato no mundo. Unha copia incompleta do escrito orixinal forma parte desta compilación creada no scriptorum da Abadía de Montecassino. | |
Tamén coñecido como | Itinerarium Egeriae, Peregrinatio Aetheriae e Peregrinatio ad Loca Sancta |
Tipo | Literatura de viaxes en forma epistolar |
Data | Do ano 381 ata o 384 |
Lugar de orixe | A redacción orixinal fíxose durante unha viaxe dende a Gallaecia ata Terra Santa |
Lingua(s) | Lingua latina (Sermo cotidianus) |
Autor(es) | Exeria |
Material | Pergamiño |
Formato | 262 x 171 mm |
Letra | Escritura da escola longobarda casinense |
Contido | Nas primeiras 15 follas está o Tractatus de mysteriis e os Hymni de Hilario de Poitiers. As seguintes 22 follas conteñen fragmentos do Itinerarium de Exeria. |
Ilustración(s) | As probables ilustracións da autora non se conservan na copia do texto. |
[ modificar datos en Wikidata ] |
Como libro de viaxes, é unha fonte importante para coñecer a situación naquel momento das zonas percorridas. Nel detállanse costumes dos nativos, crenzas populares, rituais relixiosos e expresións da fala vernácula. Está redactado en primeira persoa no latín coloquial utilizado na vida diaria, cunha espontaneidade natural que difire do estilo solemne propio da lingua escrita. O seu valor é filolóxico, sociolóxico e literario.
Presentado de forma epistolar, o manuscrito documenta o longo itinerario a través dunha serie de cartas que ofrecen datos, anécdotas e detalles interesantes dos lugares visitados. É moito máis que unha simple guía informativa; é unha crónica humana na que a autora expresa os seus sentimentos ante cada situación e describe con empatía o trato que recibe das persoas coas que se cruza. O relato está dirixido a un grupo de mulleres mencionadas coa locución “dominae sorores”, unha fórmula habitual para referirse a amigas e compañeiras.[3]
Algúns expertos consideran que é o primeiro texto dunha escritora galega.[4]