Inmunohistoquímica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunohistoquímica (IHQ ou IHC, polas súas siglas en inglés) é a técnica que obtén selectivamente imaxes de antíxenos proteicos das células dunha sección dun tecido utilizando anticorpos que se unen especificamente aos antíxenos de tecidos biolóxicos.[1] A inmunohistoquímica recibe este nome das raíces "immuno", que fan referencia aos anticorpos usados no procedemento, e "histo," que significa tecido (compárese con inmunocitoquímica, que se aplica a células). Albert Coons foi quen primeiro conceptualizou o procedemento en 1941.[2]
A tinguidura inmunohistoquímica utilízase amplamente no diagnóstico de células anormais como as que se encontran en tumores canceríxenos. Os marcadores moleculares específicos son característicos de estados ou eventos celulares particulares como a proliferación ou morte celular (apoptose).[3] A inmunohistoquímica utilízase moito tamén en investigación básica para comprender a distribución e localización de biomarcadores e proteínas expresadas diferencialmente en distintas partes dun tecido biolóxico.
A visualización da interacción anticorpo-antíxeno pode realizarse de varias maneiras. No caso máis común, un anticorpo é conxugado cun encima, como a peroxidase, que pode catalizar unha reacción produtora de cor (ver tinguidura con inmunoperoxidase).[4] Alternativamente o anticorpo pode tamén ser etiquetado cun fluoróforo, como a fluoresceína ou a rodamina (ver inmunofluorescencia).