Inmunofluorescencia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunofluorescencia é unha técnica usada en microscopía óptica con microscopio de fluorescencia, que se aplica principalmente a mostras microbiolóxicas. Esta técnica usa a especificidade dos anticorpos co seu antíxeno para dirixir tinguiduras fluorescentes a biomoléculas diana específicas que se encontran dentro da célula, o que permite a visualización da distribución da molécula diana pola mostra. A rexión específica que recoñece un anticorpo sobre un antíxeno denomínase epítopo.[1] Houbo que facer grandes esforzos para poñer a punto o mapado de epítopos, xa que moitos anticorpos poden unirse ao mesmo epítopo e o grao de unión entre anticorpos que recoñecen o mesmo epítopo pode variar.[2] Adicionalmente, a unión dun fluoróforo ao anticorpo non pode interferir coa especificidade inmunolóxica do anticorpo ou a capacidade de unión ao seu antíxeno.[3] A inmunofluorescencia é un exemplo moi utilizado de inmunotinguidura (uso de anticorpos para marcar proteínas) e é un exemplo específico de inmunohistoquímica (uso da relación anticorpo-antíxeno nos tecidos). Esta técnica fai uso principalmente de fluoróforos para visualizar a localización dos anticorpos.[4]
A inmunofluorescencia pode utilizarse en cortes de tecidos, liñas celulares cultivadas ou células individuais, e pode servir para analizar a distribución de proteínas, glicanos e pequenas moléculas biolóxicas e non bioloxicas. Esta técnica pode incluso utilizarse para visualizar estruturas como os filamentos intermedios do citoesqueleto.[5] Se aínda non se determinou a topoloxía dunha membrana plasmática, pode utilizarse a inserción de epítopos nas proteínas en conxunción coa inmunofluorescencia para determinar estruturas.[6] A inmunofluorescencia pode usarse tamén como método "semicuantitativo" para estudar os niveis e padróns de localización da metilación do ADN, pero é un método que require máis tempo que os métodos verdadeiramente cuantitativos e hai certa subxectividade na análise dos niveis de metilación.[7] A inmunofluorescencia pode aplicarse en combinación con outros métodos de marcaxe fluorescente que non usan anticorpos, por exemplo, o DAPI para etiquetar o ADN. Para a análise de mostras de inmunofluorescencia poden utilizarse varios deseños de microscopios; o máis simple son o microscopio de epifluorescencia e o microscopio confocal. Disponse tamén de varios deseños de microscopio de super-resolución igualmente útiles nos estudos de inmunofluorescencia.[8]