Inmunoelectroforese
From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunoelectroforese é un nome xeral aplicado a varios métodos bioquímicos para a separación e a caracterización de proteínas baseados na electroforese e a reacción con anticorpos. Todas as variantes de inmunoelectroforese requiren inmunoglobulinas (anticorpos), que reaccionan coas proteínas para que sexan separadas ou caracterizadas. Os métodos foron desenvolvidos e usados extensamente durante a segunda metade do século XX. Por orde case cronolóxica apareceron os métodos seguintes: análise inmunoelectroforética (inmunoelectroforese unidimensional ad modum Grabar), inmunoelectroforese cruzada (inmunoelectroforese cuantitativa bidimensional ad modum Clarke e Freeman ou ad modum Laurell), inmunoelectroforese foguete (inmunoelectroforese cuantitativa unidimensional ad modum Laurell), inmunoelectroforese foguete fundido ad modum Svendsen e Harboe, inmunoelectroforese de afinidade ad modum Bøg-Hansen.
A agarosa en láminas de xel ao 1% de aproximadamente 1 mm de grosor tamponadas a alto pH (arredor de 8,6) é o material tradicionalmente preferido para a electroforese con reacción con anticorpos. A agarosa foi elixida como matriz do xel porque ten grandes poros que permiten o libre paso e separación das proteínas, pero proporciona á vez unha áncora para os inmunoprecipitados de proteínas e anticorpos específicos. Realízase a un pH alto porque os anticorpos son practicamente inmóbiles a alto pH. Recoméndase xeralmente un equipo de electroforese cunha placa de arrefriamento horizontal.
Os inmunoprecipitados poden observarse no xel de agarosa húmido, pero son tinguidos con colorantes para as proteínas como o Azul Brillante Coomassie no xel seco. En contraste coa SDS-electroforese en xel, a electroforese en agarosa permite manter as condicións nativas, conservando a estrutura nativa e as actividades das proteínas en investigación, por tanto, a inmunoelectroforese permite a caracterización de actividades encimáticas, de unión a ligandos etc., ademais da separacion electroforética.