Imperialismo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O imperialismo[2] é a práctica, teoría ou actitude de manter ou estender o poder dun estado sobre nacións estranxeiras, particularmente a través do expansionismo, empregando non só o poder duro (poder económico e militar), senón tamén o poder brando (poder cultural e diplomático). O imperialismo céntrase en establecer ou manter a hexemonía e un imperio máis ou menos formal.[3][4][5]
Os imperios existiron ao longo de toda a historia, dende o comezo da Idade Antiga, mais o uso do vocábulo "imperialismo" adoita limitarse á cualificación da expansión europea que se inicia coa era dos descubrimentos (século XV) e se prolonga durante toda a Idade Moderna e Idade Contemporánea ata o proceso de descolonización trala segunda guerra mundial. Máis especificamente, a expresión Era do Imperialismo, empregada pola historiografía, denomina o período que vai de 1880 a 1914, en que se produciu unha verdadeira carreira para construír imperios coloniais, principalmente coa chamada repartición de África.