![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7d/Alte_Salzstrasse_Breitenfelde.jpg/640px-Alte_Salzstrasse_Breitenfelde.jpg&w=640&q=50)
Historia do sal
From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia do sal trata do uso e comercio que se lle deu durante séculos á única «rocha» comestible polo ser humano. O seu uso está xeneralizado en todas as gastronomías do mundo, ben sexa como condimento, ben como conservante específico dalgúns alimentos, como é o caso das salgaduras de carne e peixe.[1]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7d/Alte_Salzstrasse_Breitenfelde.jpg/320px-Alte_Salzstrasse_Breitenfelde.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/dd/Piles_of_Salt_Salar_de_Uyuni_Bolivia_Luca_Galuzzi_2006_a.jpg/640px-Piles_of_Salt_Salar_de_Uyuni_Bolivia_Luca_Galuzzi_2006_a.jpg)
Foi a causante de grandes repercusións económicas e crise na civilización.[2]
A súa historia está moi unida ás transaccións económicas da historia da humanidade, actividade que deixou nomes como salario, ou de vías tales como a prehistórica Route du Sel (en Francia), a Via Salaria (na Antiga Roma), a localidade Salinas de Léniz en España.
Ademais atribúenselle simbolismos como a fertilidade.
O sal afecta o sentido do gusto debido a que o organismo humano ten sensores especializados na lingua capaces de detectar especificamente o sabor salgado dos alimentos. O seu uso culinario é normalmente o de reforzador dos sabores dos diversos alimentos. O sal extraeuse principalmente da evaporación da auga mariña e da extracción mineira de rochas con cloruro sódico (halita).
Hoxe en día o sal é un ingrediente común máis na comida. A cantidade diaria da súa inxesta contrólase e vixíase desde comezos do século XX na poboación mundial de hipertensos,[3] e nalgúns lugares do mundo é parte dos alimentos funcionais e sérvese iodada para evitar a aparición do bocio (hipotiroidismo).[4]
A grande importancia económica que se lle deu ó sal no pasado xa non é a mesma que se lle dá no presente desde finais do século XIX, en parte debido á aparición de diversos medios alternativos e moi efectivos de conservación dos alimentos dentro da industria alimentaria moderna, así como unha gran mellora técnica dos modernos métodos de extracción e elaboración do sal. Estes efectos combinados fan que a demanda mundial do sal decrecese; no entanto, é xa un ingrediente moi común, sendo un elemento imprescindible en calquera cociña.