Histidina quinase
From Wikipedia, the free encyclopedia
As histidina quinases (HK) son proteínas encimáticas da clase das transferases, multifunctionais e tipicamente transmembrana, propias dos reinos de seres vivos distintos do animal, que desempeñan un importante papel na transdución de sinais a través da membrana plasmática, e funcionan transferindo fosfatos a un residuo de histidina dunha proteína.[1] A gran maioría das histidina quinases son homodímeros que mostran actividade de autoquinase (autocatalítica), fosfotransferencia e de fosfatase. As moléculas receptoras multifuncionais como as HK e RTK teñen unha porción na parte externa da célula (o dominio extracelular) que se une a moléculas similares a hormonas ou de tipo factor de crecemento, unha porción que abrangue todo o grosor da membrana da célula (o dominio transmembrana), e outra porción na parte interna da célula (o dominio intracelular), que contén a actividade encimática. Os dominios intracelulares, ademais da súa actividade quinase, normalmente teñen rexións que se unen a unha molécula efectora secundaria ou a un complexo de moléculas que incrementa a propagación da transdución de sinais polo interior da célula. A diferenza doutras clases de proteína quinases, as histidina quinase xeralmente forman parte dun mecanismo de transdución de dous compoñentes no cal a histidina quinase transfire un grupo fosfato desde o ATP a un residuo de histidina da quinase, e despois a un residuo de aspartato no dominio receptor dunha proteína reguladora da resposta (ou ás veces á propia quinase). Máis recentemente, recoñeceuse a existencia moi estendida en células humanas de fosforilación de proteínas en histidinas pero diferente da que presentan as histidina quinases de dous compoñentes.[2][3] Hai que salientar que, en marcado contraste coa fosforilación de serina, treonina e tirosina, a análise da histidina fosforilada usando análises bioquímicos estándar e espectrometría de masas é moito máis complicada.[4][5]
proteína histidina quinase | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estrutura cristalográfica da ATP:proteína-L-histidina N-fosfotransferase baseada nas coordenadas PDB 2c2a. | |||||||||
Identificadores | |||||||||
Número EC | 2.7.13.3 | ||||||||
Número CAS | 99283-67-7 | ||||||||
Bases de datos | |||||||||
IntEnz | vista de IntEnz | ||||||||
BRENDA | entrada de BRENDA | ||||||||
ExPASy | vista de NiceZyme | ||||||||
KEGG | entrada de KEGG | ||||||||
MetaCyc | vía metabólica | ||||||||
PRIAM | perfil | ||||||||
Estruturas PDB | RCSB PDB PDBe PDBj PDBsum | ||||||||
Gene Ontology | AmiGO / EGO | ||||||||
|
En termos encimolóxicos, unha histidina quinase (EC 2.7.13.3, EnvZ, histidina proteína quinase, proteína histidina quinase, proteína quinase (histidina), HK1, HP165, Sln1p) é un encima que cataliza a reacción química
- ATP + proteína L-histidina ADP + proteína N-fosfo-L-histidina.
Os dous substratos deste encima son a ATP e a L-histidina da proteína, mentres que os dous produtos son o ADP e a proteína N-fosfo-L-histidina.
Este tipo de encimas está implicado nas vías de transdución de sinais augas arriba das rutas de moitos procesos celulares, como varias vías metabólicas, de virulencia e homeostáticas.