Henning Mankell, nado en Estocolmo o 3 de febreiro de 1948[1] e finado o 5 de outubro de 2015[2], foi un escritor e dramaturgo sueco. Gozou de sona internacional debido á súa serie de novelas sobre o inspector Kurt Wallander[3].
Aínda que nado en Estocolmo, pasou a súa infancia nas vilas de Sveg e Borås[1]. Con 20 anos principiou a súa carreira como autor e axudante de dirección no Riks Theater de Estocolmo, colaborando posteriormente con outros teatros de Suecia [4]. As súas primeiras obras teatrais pretendían ser unha forma de denunciar as desigualdades da sociedade da época [5]. Durante parte da década de 1980 foi o director do Kronobergsteatern de Väjxö, onde obtivo un salientábel éxito de audiencia ao apostar por producir só obras de teatro suecas [5]. En 1985 fundou o Teatro Avenida en Maputo (Mozambique) [4], onde residiu parcialmente os derradeiros anos da súa vida. En 2001 cofundou a súa propia editorial – Leopard Publishing House [5] - coa intención de apoiar novos talentos tanto de África como da propia Suecia [4].
Os seus libros están traducidos a 41 idiomas e levan vendido máis de 30 millóns de copias en todo o mundo [6]. Contou tamén no seu haber con numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil, traballo que lle reportou en Suecia a mesma popularidade que a súa serie de novela negra.
En outubro de 2015 faleceu, vítima dun cancro de pulmón[7], diagnosticado en 2013. Estivo casado con Eva Bergman, filla do cineasta Ingmar Bergman[1].
Serie Kurt Wallander
O protagonista deste conxunto de novelas é un inspector de policía, Kurt Wallander, que vive e traballa en Ystad, no sur de Suecia. Á marxe dos escabrosos asasinatos cos que se teñen que enfrontar el e mais os seus colaboradores, Mankell vai presentando a personalidade do inspector ao longo da serie. Así, aparecen as súas reflexións persoais, coma a tormentosa relación co seu pai, a soidade post-divorcio, o distanciamento coa súa filla Linda, os seus problemas de saúde ou as precarias condicións do seu traballo coma policía; por outra banda, Mankell sérvese do personaxe para poñer de manifesto algúns dos problemas que, ao seu entender, afectan cada vez máis á sociedade sueca, coma o aumento da violencia ou a inmigración[1]. As obras que conforman esta serie son[8][9]:
Mördare utan ansikte (Asasinos sen rostro,1991)
Hundarna i Riga (Os cans de Riga, 1992)
Den vita lejoninnan (A leona branca, 1993)
Mannen som log (O home sorrinte,1994)
Villospår (A falsa pista, 1995)
Den femte kvinnan (A quinta muller, 1996)
Steget efter (Pisando os talóns, 1997)
Brandvägg (Devasa, 1998)
Pyramiden (A pirámide, 1999), un conxunto de relatos curtos que corresponden á vida do inspector antes do inicio da serie (1969 a 1989)
Innan frosten (Antes de que xee, 2002), onde a protagonista é Linda Wallander, a filla do inspector, que ingresa no corpo de policía e debe afrontar o seu primeiro caso.
Den orolige mannen[10] (O home inquieto , 2009), a derradeira obra da serie Kurt Wallander segundo o autor [11].
Outras obras de novela negra
Danslärarens återkomst (O retorno do profesor de baile, 2000), onde o protagonista, Stefan Lindman, formará parte do equipo de colaboradores de Wallander en Innan frosten.
Kennedys hjärna (O cerebro de Kennedy, 2005)
Kinesen (O chinés, 2008)
Obras de ficción
Comédia infantil (1995)
Vindens son (O fillo do vento, 2000)
Tea-Bag (2001)
Djup (Profundidades, 2004)
Italienska skor (Zapatos italianos, 2006)
Triloxía sobre Sofía
Nestas tres obras Mankell conta a historia de Sofía, unha rapaza de Mozambique que sobreviviu a unha mina antipersoa [12]. A súa historia é a da loita contra a pobreza e a inxustiza nun país que se atopa entre os máis pobres do mundo.
Eldens hemlighet (O secreto do lume, 1995)
Eldens gåta (Xogar con lume, 2001)
Eldens vrede (A ira do lume, 2005)
Serie Joel Gustafson
Catro obras narran a vida de Joel, abandonado pola súa nai e criado polo seu pai, centrándose nos acontecementos que o fan evolucionar de neno a home [13].
Hunden som sprang mot en stjärna (O can que corría cara unha estrela, 1990)
Skuggorna växer i skymningen (Sombras na penumbra,1991)
Pojken som sov med snö i sin säng (Cando caeu a neve, 1996)
Resan till världens ände (Unha viaxe á fin do mundo, 1998)
Premio"Nils Holgersson" (1991) por Hunden som sprang mot en stjärna[14]
Premio "Academy of Swedish Crime Writers" (1991) por Mördare utan ansikte[4]
Premio "Scandinavian crime society: The Glass key" (1991) por Mördare utan ansikte[4]
"Deutscher Jugendliteraturpreis" (1993) por Hunden som sprang mot en stjärna[14]
Premio "Academy of Swedish Crime Writers" (1995) por Villospår[15]
Premio "Swedish Radio 1" (1996) por Comédia infantil[16]
Premio "City of Berlin" (1997) ó mellor libro infantil non alemán por Eldens hemlighet[16]
Premio "British Crime Writers Association: Golden Dagger" (2001) por Villospår[17]
"Gumshoe Award" (2004) á mellor novela negra europea por Danslärarens återkomst[17]
"II Premio Pepe Carvalho" (2007) pola súa traxectoria no ámbito da novela negra [18]
"XV Premio Arcebispo San Clemente" (2010) pola súa novela Kinesen (O chinés) [19]