Guerra de Sucesión Española
conflito bélico europeo (1700-1714) despois da morte de Carlos II / From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra de Sucesión española foi un conflito armado que se desenvolveu entre 1701 e 1713, se ben os últimos focos de resistencia en Cataluña e Mallorca non foron eliminados até 1715. A guerra orixinouse trala morte sen descendencia de Carlos II, rei de España. A coroa era disputada polo arquiduque Carlos de Austria (quen se convertería en emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico co título de Carlos VI) e Filipe de Anjou, neto de Lois XIV de Francia. Foi este último, Filipe V, quen saíu vencedor do conflito.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Secasí, a guerra tiña outras motivacións. Xogábase, por un lado, o control do comercio coa América española. Tratábase tamén dunha disputa sobre o modelo político: a subida de Filipe V ao trono auguraba o desenvolvemento dunha monarquía absoluta como a francesa, mentres que o arquiduque Carlos representaba a defensa dunha monarquía composta e, sobre todo, das institucións de goberno da Coroa de Aragón. Así mesmo, a sucesión ao trono hispánico implicaba o repartimento de poder en Europa: se Filipe V de Borbón conservaba o trono a alianza entre España e Francia tería a hexemonía en Europa.
Na guerra participaron case todos os estados de Europa occidental e central. Atendendo ao número de falecidos (un millón duascentas mil persoas, contando as baixas civís) foi a maior guerra europea entre a Guerra dos Trinta Anos e as Guerras napoleónicas. En 1710, no momento de maior actividade, un millón trescentos mil soldados estaban mobilizados. As operacións de guerra estendéronse ás colonias dos países participantes. A guerra activou outros conflitos, como a causa do pretendente Xacobe III Estuardo ao trono inglés, a guerra de independencia húngara, a revolta dos camisards en Francia ou as hostilidades entre Suecia e Rusia[1].