Guerras napoleónicas
From Wikipedia, the free encyclopedia
As guerras napoleónicas foron unha serie de conflitos militares que tiveron lugar durante o tempo no que Napoleón Bonaparte gobernou en Francia. Foron en parte unha extensión dos conflitos que estalaron debido á Revolución Francesa, e continuaron durante todo o Primeiro Imperio Francés. Non existe consenso sobre o intre exacto no que comezaron estas guerras. Hai quen considera que comezaron cando Napoleón chegou ao poder en Francia, en novembro de 1799. Outras versións sitúan o período bélico entre 1799 e 1802 no contexto das guerras revolucionarias francesas, e consideran a declaración de guerra entre o Reino Unido e Francia en 1803, que seguiu ao curto período de paz do Tratado de Amiens en 1802 como o punto inicial das guerras napoleónicas. As guerras napoleónicas remataron o 20 de novembro de 1815, trala derrota final de Napoleón na batalla de Waterloo e o Segundo Tratado de París de 1815. En conxunto, o case continuado período de guerras comprendido entre o 20 de abril de 1792 e ata o 20 de novembro de 1815 é chamado frecuentemente A Gran Guerra Francesa (anterior á primeira guerra mundial, chamada simplemente A Gran Guerra).
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |