Girl Pat
barco arrastreiro con base en Lincolnshire / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Girl Pat foi un pequeno arrastreiro inglés, con base no porto de Grimsby, en Lincolnshire, que en 1936 foi obxecto de grande atención dos medios cando o seu capitán levou a cabo unha viaxe transatlántica non autorizada. A escapada rematou en Georgetown, na Güiana Británica, coa detención do capitán, George "Dod" Orsborne, e do seu irmán James. A parella foi máis tarde encarcerada polo roubo da embarcación.
Girl Pat (1935–40) HMT Girl Pat (1940–45) Girl Pat (1945–?) | |
---|---|
Historial | ![]() |
Estaleiro | Oulton Broad, Suffolk |
Tipo | Arrastreiro (1935–39) Buque de sinalización de naufraxios (1939–40, 1945–?) Dragaminas auxiliar (1940–45) |
Operador | Marstrand Fishing Co. Ltd. (1935–36) Girl Pat Ltd. (1936–39) Autoridade Portuaria de Londres (1939–40) Royal Navy (1940–45) Autoridade Portuaria de Londres (1945–?) |
Porto de rexistro | Grimsby (1935–39) Londres (1939–40) Royal Navy (1940–45) Londres (1945–?) |
Botado | 1935 |
Características xerais | |
Eslora | 20 m |
Manga | 5,7 m |
Calado | 2,7 m |
Potencia | 120 CV |
Construído en 1935, o Girl Pat era propiedade da Marstrand Fishing Company de Grimsby. O 1 de abril de 1936, Orsborne, cunha tripulación de catro persoas e o seu irmán James como supernumerario, partiron co buque e coa autorización dos propietarios para unha viaxe de pesca rutineira no Mar do Norte de dúas a tres semanas de duración. Despois de saír do porto, Orsborne informou á tripulación de que ían realizar unha longa travesía por augas máis meridionais. Nada máis se soubo deles ata mediados de maio, cando os propietarios, que daquela asumiran a perda da embarcación, recibiron facturas relativas á súa reparación e reforma no porto galego de Corcubión.[1] Testemuñas posteriores situárona nas Illas Salvaxes, en Dakar, e nas Illas da Salvación fronte ás costas da Güiana Francesa en América do Sur. O principal medio de navegación do capitán durante a viaxe de máis de 6.000 millas náuticas (11.000 km) foi un atlas escolar de seis peniques e un compás. Chegouse a informar erroneamente do naufraxio do Girl Pat nas Bahamas e da morte de todos os tripulantes. Finalmente o buque foi capturado tras unha persecución preto de Georgetown o 19 de xuño, sendo Orsborne e a súa tripulación aclamados como heroes na prensa mundial.
Acusado do roubo do buque en outubro de 1936, Orsborne declarou no xulgado que os propietarios lle ordenaran que se librase do buque, como parte dun plan para cobrar diñeiro do seguro. Esta afirmación non foi crida polo tribunal. Anos despois, nas súas memorias, Orsborne contou unha historia diferente, sen corroborar: escribiu que fuxira co Girl Pat nunha misión en nome da Intelixencia Naval Británica, relacionada co estalido da guerra civil española en xullo de 1936.
Despois da súa saída da prisión, Orsborne participou noutras aventuras marítimas e serviu na mariña na segunda guerra mundial. Morreu en 1957. En Georgetown o Girl Pat foi adquirido por novos propietarios que o devolveron a Gran Bretaña, onde se converteu nunha atracción turística. En 1939 foi vendido á Autoridade Portuaria de Londres para ser usado como buque de sinalización de naufraxios. Foi despois requisado pola Royal Navy durante a guerra e devolto á autoridade en 1945. Non hai ningún rexistro público posterior.