matemático estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
George David Birkhoff[1], nado en Overisel Township (Míchigan)[2] o 21 de marzo de 1884 e finado en Cambridge o 12 de novembro de 1944, foi un matemático estadounidense, coñecido polo denominado teorema ergódico. Foi un dos líderes máis importantes da matemática estadounidense na súa xeración, e durante o seu apoxeo foi considerado por moitos como o matemático americano máis brillante.[3] O seu fogar en Cambridge, Massachusetts, foi designado Fito Histórico Nacional.
Fillo de David Birkhoff e Jane Gertrude Droppers[2], foi pai do tamén matemático Garrett Birkhoff (1911–1996).
Birkhoff obtivo os seus títulos universitarios en Harvard. Completou o seu doutoramento en 1907 sobre ecuacións diferenciais na Universidade de Chicago. Mentres E. H. Moore foi o seu supervisor, estivo influído polos escritos do matemático francés Henri Poincaré. Despois de ensinar na Universidade de Wisconsin e na Universidade de Princeton, foi profesor na Universidade de Harvard desde 1912 até a súa morte.
En 1912, tentando solucionar o famoso problema das catro cores, Birkhoff introduciu o polinomio cromático. Mesmo aínda que este método non foi efectivo, o polinomio por si mesmo converteuse nun importante obxecto de estudo en teoría alxébrica de grafos.
En 1913 probou o "Último Teorema Xeométrico" de Poincaré, un caso especial do problema do tres corpos, resultado que lle fixo mundialmente famoso. En 1927, publicou os seus Sistemas Dinámicos. Escribiu acerca dos fundamentos matemáticos da relatividadr e da mecánica cuántica, publicando (con R. E. Langer) a monografía titulada "Relativity and Modern Physics" (Relatividade e Física Moderna) en 1923. Ese mesmo ano tamén probou que a métrica de Schwarzschild é a única solución esférica e simétrica das ecuacións do campo de Einstein. Unha consecuencia é que os buracos negros non son unicamente unha curiosidade matemática, e poderían ser o resultado de calquera estrela esférica con masa suficiente.
O seu resultado máis importante foi o seu descubrimento en 1931 do que agora se denomina o teorema ergódico. Combinando ideas de física coa hipótese ergódica e coa teoría da medida, este teorema solucionou, polo menos en principio, un problema de fondo da mecánica estatística. O teorema ergódico tamén tivo repercusións en dinámica, teoría da probabilidade, teoría de grupos, e análise funcional. Tamén traballou sobre a teoría de números, o problema de Riemann-Hilbert, e o problema das catro cores. Propuxo unha axiomatización da xeometría euclidiana diferente á de Hilbert (ver axiomas de Birkhoff); traballo culminado no seu texto "Basic Geometry" (Xeometría Básica) (1941).
Nos seus últimos anos, Birkhoff publicou dous traballos curiosos. No seu "Aesthetic Measure" (Medida Estética) de 1933 propuxo unha teoría matemática da estética.[5] Mentres estaba a escribir este libro, dedicou un ano a estudar arte, música e poesía de varias culturas ao redor do mundo. A súa obra de 1938 titulada "Electricity as a Fluíde" (A Electricidade como un Fluído) combinaba as súas ideas sobre filosofía e ciencia. A súa teoría de 1943 sobre a gravitación é tamén estraña, dado que Birkhoff coñecía (aínda que non pareceu importarlle) que a súa teoría requirise que a materia fose un fluído perfecto no que a velocidade do son fose igual á velocidade da luz.
Albert Einstein e Norbert Wiener, entre outros, sinalaron a Birkhoff por defender políticas de contratación antisemitas.[6][7] Durante a década de 1930, cando moitos dos matemáticos xudeus fuxiron de Europa e tentaron obter traballos nos Estados Unidos, Birkhoff é acusado de influír no proceso de contratación das institucións americanas para excluír aos xudeus. Os seus comentarios e puntos de vista antisemitas están ben documentados, pero Saunders Mac Lane argumentou que os esforzos de Birkhoff estiveron motivados menos por animosidade cara aos xudeus que por un desexo de atopar traballo para os matemáticos americanos formados nos Estados Unidos.[8][9]
Con todo, Birkhoff tomou un particular aprecio por certos matemáticos xudeus como Stanisław Ulam. Gian-Carlo Rota escribe: "Como outras persoas sospeitosas de ser antisemitas, ocasionalmente sentiu o impulso de envorcar os seus instintos protectores con algúns mozos xudeus de impecable aspecto. As brillantes maneiras de Ulam eran diametralmente opostas ás dos colaboradores de Birkhoff, de personalidade agresiva e susceptible. Birkhoff Tentou manter a Ulam en Harvard, pero os seus colegas rexeitaron a idea."[10]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.