From Wikipedia, the free encyclopedia
O capitán Sir Geoffrey de Havilland, OM, CBE, AFC, RDI, FRAeS (27 de xullo de 1882 - 21 de maio de 1965) foi un pioneiro da aviación e enxeñeiro aeroespacial inglés. A compañía de avións que fundou fabricou o Mosquito, que foi considerado o avión de guerra máis versátil xamais construído,[1] e o seu Comet foi o primeiro avión de pasaxeiros a reacción en ser fabricado.
Nado en Magdala House, en Terriers, High Wycombe, Buckinghamshire, de Havilland foi o segundo fillo do reverendo Charles de Havilland (1854-1920) e da súa primeira muller, Alice Jeannette (apelido de soleteira Saunders; 1854-1911). Foi educado na Nuneaton Grammar School, na St Edward's School, Oxford e na Crystal Palace School of Engineering (de 1900 ata 1903).
Tras graduarse dos seus estudos de enxeñería, de Havilland fixo unha carreira na enxeñería automobilística, construíndo coches e motocicletas. Foi aprendiz na empresa de fabricación de motores Willans & Robinson de Rugby, e despois de traballou como delineante para a The Wolseley Tool and Motor Car Company Limited en Birmingham, traballo ao que renunciou despois dun ano.[1] Despois pasou dous anos traballando na oficina de deseño da Motor Omnibus Construction Company Limited en Walthamstow. Mentres traballaba nesta última empresa, deseñou o seu primeiro motor de aviación e fixo fabricar o primeiro prototipo na Iris Motor Company de Willesden.
Casou en 1909 e xusto despois iniciou a súa carreira de deseño, construción e voo de aeronaves á que dedicou o resto da súa vida.
Construído con cartos prestados polo seu avó materno,[1] o primeiro avión de de Havilland tardou dous anos en completarse. Por desgraza, esnafrouse durante o seu primeiro curto voo en Seven Barrows preto de Litchfield, Hampshire en decembro de 1909.[2] Despois construíu un biplano completamente novo, realizando o seu primeiro voo con el dende un prado preto de Newbury en setembro de 1910.[3] No presente, unha placa conmemorativa marca o evento. Deseños posteriores foron máis exitosos: en 1912 estableceuse un novo récord británico de altitude de 3 200 m cun avión deseñado por el, o B.E.2. Geoffrey foi o deseñador e o seu irmán Hereward o piloto de probas.
En decembro de 1910, de Havilland uniuse á HM Balloon Factory en Farnborough, que posteriormente se convertería na Royal Aircraft Factory. Vendeu o seu segundo avión (que usara para aprender a voar) ao seu novo empregador por 400 libras. Este converteríase no F.E.1, o primeiro avión en levar unha designación oficial da Royal Aircraft Factory. Durante os seguintes tres anos de Havilland deseñou, ou participou no deseño de, varios modelos experimentais na "Factory". Foi nomeado segundo tenente no Royal Flying Corps o 2 de setembro de 1912,[4][5] oficial de reserva na RFC o 24 de novembro e foi confirmado no seu rango o 25 de decembro.[6][7]
En decembro de 1913 de Havilland foi nomeado inspector de aeronaves da Dirección de Inspección Aeronáutica.[8] Descontento por deixar o traballo de deseño, en maio de 1914 foi contratado para converterse no deseñador xefe de Airco, en Hendon. Deseñou moitos avións para Airco, todos designados polas súas iniciais, DH. Grandes números de avións deseñados por de Havilland foi usado durante a primeia guerra mundial, voando para o Royal Flying Corps/Royal Air Force. De Havilland continuou servindo no RFC durante a guerra.
O 5 de agosto de 1914 foi promocionado a tenente e nomeado oficial de voo na RFC a partir desa data.[9] Estivo brevemente destinado en Montrose, na costa leste de Escocia, como oficial en servizo de guerra. Voando un Blériot, a súa misión era a de protexer buques británicos dos submarinos alemáns.[10] Tras unhas poucas semanas, foi liberado deste deber e volveu a Airco. Porén, nominalmente permaneceu no servizo ata o final da guerra.[11] O 30 de abril de 1916 foi ascendido a capitán e nomeado comandante de voo.[12]
O seu empregador, Airco, foi mercado a principios de 1920 polo grupo armamentístico Birmingham Small Arms Company pero tras descubrir que a compañía non tiña ningún valor pechou Airco en xullo dese ano.[13] Coa axuda do antigo dono da empresa, George Holt Thomas, formou a de Havilland Aircraft Company empregando a algúns dos seus antigos colegas. Contento e impresionado polo avión que construíron para el, Alan Butler, despois o presidente da compañía, proporcionou o capital para comprar locais e despois o aeródromo de Stag Lane, en Edgware, onde el e os seus colegas deseñaron e construíron un gran número de avións, entre eles a familia Moth. Unha das súas funcións foi como piloto de probas dos avións da compañía.
En 1928 creouse a súa filial de Havilland Canada (DHC) para construír avións Moth para o adestramento de pilotos canadenses. Tras a segunda guerra mundial, asou a deseñar e producir unha serie de tipos indíxenas, algúns dos cales resultaron moi exitosos.[14]
En 1933 a compañía trasladouse ao aeródromo de Hatfield en Hertfordshire.
En 1944 mercou a consultora do seu amigo e deseñador de motores Frank Halfords, formando a de Havilland Engine Company con Halford como xefe. Halford deseñara anteriormente viarios motores para de Havilland, incluído o de Havilland Gipsy e o de Havilland Gipsy Major. O primeiro deseño de turbina de gas de Halford entrou en produción como o de Havilland Goblin, que propulsaba o primeiro reactor da compañía, o Vampire.
De Havilland controlou a empresa ata que foi mercada pola Hawker Siddeley Company en 1960. O seu apoio financeiro, Alan Butler, seguiu sendo un presidente moi implicado ata que se retirou en 1950.
De Havilland retirouse da súa participación activa na súa empresa en 1955, aínda que permaneceu como presidente. Continuou voando ata os 70 anos, sendo o seu derradeiro voo nun DH85 Leopard Moth, o G-ACMA.[1] Morreu con 82 anos dunha hemorraxia cerebral, o día 21 de maio de 1965 no hospital Watford Peace Memorial, en Hertfordshire.[15]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.