videoconsola portátil de Nintendo From Wikipedia, the free encyclopedia
A Game Boy (en xaponés: ゲームボーイ, Gēmu Bōi) é unha videoconsola portátil de videoxogos desenvolvida e manufacturada por Nintendo, que posúe un procesador de 8 bits. Foi lanzada por primeira vez ao mercado no Xapón o 21 de abril de 1989, chegando posteriormente a outros mercados. Esta é a primeira videoconsola portátil dentro da liña que leva ese mesmo nome (Liña Game Boy). Foi creada por Gunpei Yokoi e o equipo de desenvolvemento Research and Development 1 da Nintendo.
A Game Boy foi o segundo sistema portátil da Nintendo despois das series da Game & Watch iniciada en 1980 e collía elementos tanto da propia Game & Watch coma da NES.[1] Tamén foi a primeira videoconsola portátil que incluía o xogo do Tetris.
A pesar de que durante o período no que foi comercializada foron introducidas no mercado novas videoconsolas portátiles máis avanzadas tecnoloxicamente, a Game Boy continuou a ter un enorme éxito. As vendas combinadas da Game Boy e da Game Boy Color acadaron no mundo a cifra de 118'69 millóns de unidades vendidas.
Durante a súa vida útil lanzáronse varios redeseños, como a Game Boy Pocket en 1996 e a Game Boy Light en 1998 (esta última só no Xapón). A produción da Game Boy continuou até 2003,[2] moito despois do lanzamento da súa segunda sucesora, a Game Boy Advance, en 2001.
Os controis principais para xogar na Game Boy están situados na metade baixa da súa parte frontal. Conta con catro botóns denominados "A", "B", "SELECT" e "START", así como cun botón direccional. As funcións de cada un destes botóns varía dun xogo a outro.[3] No seu lateral dereito dispón dun control dial para o volume e outro no lateral esquerdo para axustar o contraste da pantalla.[3] Na parte superior disponse o botón de apagado-acendido así como a rañura na que se introducen os cartuchos cos videoxogos.
A Game Boy tamén tiña as seguintes conexións de entrada e saída opcionais. No lateral esquerdo unha conexión para conectar as baterías recargábeis ou alimentadores de enerxía que podían substituír as pilas eléctricas para subministrar enerxía ao dispositivo, Nintendo distribuía un pack de baterías recargábeis oficial, se ben funcionaba perfectamente con outros modelos non oficiais. A Game Boy require 6V DC de polo menos 250mA.[4] Finalmente, unha conexión para auriculares estéreo de 3.5 mm está situada na parte inferior da videoconsola.[5]
No lateral dereito conta cunha conexión que permite aos usuarios conectar dúas Game Boy a través dun cable, co que dúas persoas poden xogar ao mesmo tempo cun mesmo xogo.[3] Nun principio este porto estaba pensado para ser utilizado en xogos nos que se puidese competir entre dous ou participar dúas persoas no mesmo, mais co tempo se desenvolveu para crear tamén redes sociais de comunicación como nas populares series de videoxogo de Pokémon.[6]
Aínda que era menos avanzada tecnicamente ca as Sega Game Gear, Atari Lynx e outros competidores, sobre todo por non soportar a cor, o prezo máis baixo da Game Boy xunto cunha maior duración das pilas fixérona moito máis exitosa.[7] Nas súas dúas primeiras semanas no Xapón, dende o seu lanzamento o 21 de abril de 1989, vendeuse todo o stock de 300.000 unidades; uns meses despois, o 31 de xullo de 1989, vendéronse 40.000 unidades no seu primeiro día de lanzamento.[8] Vendéronse máis de 118,69 millóns de unidades de Game Boy e Game Boy Color combinadas en todo o mundo, con 32,47 millóns de unidades no Xapón, 44,06 millóns en América e 42,16 millóns noutras rexións.[9] Para o ano fiscal xaponés de 1997, iñantes do lanzamento da Game Boy Color en outubro de 1998, vendéronse 64,42 millóns de unidades de Game Boy en todo o mundo.[9][10] Nunha rolda de prensa celebrada o 14 de marzo de 1994 en San Francisco, o vicepresidente de mercadotecnia de Nintendo, Peter Main, respondeu as preguntas sobre cando ía sacar Nintendo unha consola portátil en cor afirmando que as vendas da Game Boy eran boas dabondo como para decidir non desenvolver unha consola portátil sucesora nun futuro próximo.[11]
En 1995, Nintendo of America anunciou que o 46% dos xogadores de Game Boy eran mulleres, porcentaxe superior á de xogadoras tanto para Nintendo Entertainment System (29%) como para Super Nintendo Entertainment System (14%).[12] En 2009, a Game Boy foi incluída no Salón Nacional da Fama do Xoguete, 20 anos após o seu lanzamento.[13]
A consola recibiu críticas dispares por parte da crítica. Nunha análise de fin de ano de 1997, un equipo de catro redactores de Electronic Gaming Monthly outorgou á Game Boy puntuacións de 7,5, 7,0, 8,0 e 2,0. Sushi-X (que contribuíu co 2,0) criticou a consola pola súa pantalla en branco e negro e o seu desenfoque de movemento, namentres que os seus tres compañeiros gabaron a longa duración das pilas e a gran biblioteca de xogos, así como o deseño elegante e cómodo para o peto do novo modelo Game Boy Pocket.[14]
O cable Game Link permite conectar dúas consolas para, nos xogos que así o permiten, xogar en multixogador.
Tamaño | Aproximadamente 90 mm x 148 mm x 32 mm (An x Al x Pr) |
---|---|
Peso | Aproximadamente 220g[15] |
Pantalla | Pantalla reflectante de 2,6 polgadas supertrenzada nemática (STN) de cristal líquido (LCD)[16] |
Tamaño de pantalla | 47 mm por 43 mm[15] |
Fotogramas por segundo | 59.727500569606 Hz[17] |
Enerxía | 6 V, 0,7 W (4 pilas AA)[18] |
Duración das pilas | Aproximadamente 15 horas de xogo |
CPU | Personalizado de 8 bits Sharp LR35902 (baseado en 8080 e Z80 modificados),[19][20] a 4,19 MHz[lower-alpha 1] |
Memoria | 64 KB espazo de direccións incluíndo:
|
Resolución de pantalla | 160 (an) × 144 (al) píxeles (aspecto 10:9) |
Soporte de cor | 2 bits (catro tons de "cinsento": verde oliva claro a moi escuro)
|
Son | 2 xeradores de ondas de pulsos, 1 PCM de 4 bits (64 mostras de 4 bits reproducidas en 1ᅲ64 bancos o 2ᅲ32 bancos), 1 xerador de ruído e unha entrada de son dende o cartucho. A unidade só ten un altofalante, porén o porto de auriculares emite son estéreo. |
Entrada |
|
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.