Gabriel García Márquez
escritor, xornalista, editor e activista político colombiano / From Wikipedia, the free encyclopedia
Gabriel José de la Concordia García Márquez, máis coñecido como Gabriel García Márquez ( pronunciación (axuda · info)), ( escoitar), nado en Aracataca o 6 de marzo de 1927[1] e finado en Cidade de México o 17 de abril de 2014,[2] foi un escritor, xornalista, editor e activista político colombiano. Estudou dereito e xornalismo na Universidade Nacional de Colombia e iniciou as súas colaboracións xornalísticas no diario El Espectador. Foi coñecido como Gabo, ou Gabito, polos seus familiares e amigos (hipocorístico guajiro para Gabriel), desde que o seu compañeiro do diario bogotano El Espectador, José Salgar, comezase a chamalo así..[3][4] Recoñecido polas súas novelas e contos, tamén escribiu narrativa de non ficción, discursos, reportaxes, críticas cinematográficas e memorias. É considerado un dos autores máis significativos do século XX, especialmente en lingua española. Obtivo o Premio Nobel de Literatura en 1982, segundo a laudatoria da Academia Sueca polas súas novelas e historias curtas, nas que o fantástico e o real son combinados nun tranquilo mundo de imaxinación rica, reflectindo a vida e os conflitos dun continente[5].
Xunto a Julio Cortázar, Mario Vargas Llosa e Carlos Fuentes, foi un dos expoñentes centrais do boom latinoamericano. Tamén está considerado un dos principais autores do realismo máxico, e a súa obra máis coñecida, a novela Cien años de soledad, é considerada unha das máis representativas desa corrente literaria, e mesmo se considera que ao éxito da novela débese que o termo se aplique á literatura xurdida a partir de 1960 en Latinoamérica.[6][7]
Ademais do seu talento literario, na obra de García Márquez aparecen reflectidas as súas ideas políticas[8]. Un exemplo da súa participación política é a súa amizade co líder cubano Fidel Castro[9] .