Gabriel Fauré
compositor, pedagogo, organista e pianista francés / From Wikipedia, the free encyclopedia
Gabriel Urbain Fauré (Francés: [ɡabʁiɛl yʁbɛ̃ fɔʁe]), nado en Pamiers o 12 de maio de 1845[lower-alpha 1] e finado en París o 4 de novembro de 1924, foi un compositor, pedagogo, organista e pianista francés. É considerado un dos compositores franceses máis destacados da súa xeración e o seu estilo musical influíu en moitos compositores do século XX. Entre as súas obras máis coñecidas destacan a Pavana, ou Réquiem, os nocturnos para piano e as cancións «Après un rêve» e «Clair de lune». Aínda que as súas composicións máis coñecidas e accesibles para o gran público son xeralmente as dos seus primeiros anos, Fauré compuxo gran parte das súas obras máis prezadas polos críticos ao final da súa carreira, nun estilo harmónica e melodicamente máis complexo.
Naceu nunha familia culta pero sen particular afección musical, e demostrou o seu talento para a composición cando apenas era un neno. Foi enviado a un colexio de música en París, onde se formou para ser organista de igrexa e director de coro. Entre os seus mentores encontrábase Camille Saint-Saëns, quen se converteu no seu amigo de por vida. Logo de graduarse en 1865, Fauré gañaba a vida de forma modesta como organista e mestre, o que lle deixaba pouco tempo para compoñer. Cando acadou o éxito e ocupou os importantes cargos de organista da igrexa da Madeleine e director do Conservatorio de París, apenas tiña tempo para compoñer; durante as vacacións de verán, retirábase ao campo para adicarse a dita tarefa. Nos seus últimos anos, Fauré foi recoñecido en Francia como o compositor francés máis importante da súa época. En 1922 rendéuselle unha homenaxe musical nacional sen precedentes en París, encabezada polo entón presidente Alexandre Millerand. Fauré tiña algúns admiradores en Inglaterra mais a súa música, se ben era coñecida noutros países, tardou décadas en ser amplamente aceptada.
Romántico nos seus inicios e admirador da música de Richard Wagner, sumouse logo á corrente impresionista na liña da música francesa, acadando a súa música unha gran finura melódica e equilibrio compositivo. O seu legado foi descrito como o enlace entre o final do Romanticismo co Modernismo do segundo cuarto do século XX. Cando naceu, Frédéric Chopin aínda compuña, e no momento do seu falecemento, escoitábanse estilos como o jazz e a música atonal da Segunda Escola de Viena. O Grove Dictionary of Music and Musicians, que o describe como o compositor máis avanzado da súa xeración en Francia, indica que as súas innovacións harmónicas e melódicas influíron na ensinanza da harmonía musical nas xeracións vindeiras. Contrastando co encanto das súas primeiras obras, as súas últimas composicións, escritas cando a súa xordeira era cada vez maior, son consideradas imprecisas e de carácter introvertido e, noutras ocasións, axitadas e apaixonadas.[5]