Filmes propostos ó mellor filme internacional na 80ª edición dos Óscar
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Esta é unha lista dos filmes propostos na 80ª edición dos Óscar para o mellor filme en lingua non inglesa.[1] A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas (AMPAS) convidou as industrias cinematográficas de varios países a presentar un filme para o Óscar ó mellor filme internacional cada ano dende que o premio foi creado na edición de 1956.[2] O premio é presentado anualmente pola Academia para un filme producido fóra dos Estados Unidos cun diálogo maioritariamente en lingua non inglesa.[3] O Comité do Premio Internacional de Longametraxes supervisa o proceso e revisa todos os filmes enviados.[3]
Os filmes candidatos debían terse estreado nos cinemas dos seus respectivos países entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2007.[3] A Academia convidou 95 países a enviar filmes a competición,[4] recibíndose sesenta e tres propostas, o maior número ata ese momento. Acerbaixán e Irlanda enviaron filmes por primeira vez.[5][6]
A lista curta de nove candidatos anunciouse o 15 de xaneiro de 2009.[7] A selección foi controvertida, especialmente pola ausencia do filme romanés 4 luni, 3 săptămâni și 2 zile, gañador da Palma de Ouro no Festival de Cannes e do francés Persepolis, Premio do Xurado do mesmo festival.[8][9][10][11][12] Os cinco candidatos (Austria, Casaquistán, Israel, Polonia e Rusia) anunciáronse o 22 de xaneiro de 2008.[3][13] O filme Die Fälscher de Stefan Ruzowitzky gañou o premio,[14] primeiro filme austríaco que o conseguiu.