![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e4/Phylogenetic_tree_of_Mups.jpg/640px-Phylogenetic_tree_of_Mups.jpg&w=640&q=50)
Familia xénica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha familia xénica é un conxunto de xenes similares, que se formaron por duplicación dun só xene orixinal, e que xeralmente desempeñan funcións bioquímicas similares. Un exemplo dunha desas familias é a dos xenes das subunidades da hemoglobina humana; os dez xenes desta familia están localizados en dous grupos ou clusters en diferentes cromosomas, chamados loci da α-globina e da β-globina. Estes dous grupos de xenes crese que se orixinaron como resultado da duplicación dun xene precursor ancestral hai aproximadamente 500 millóns de anos.[1]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e4/Phylogenetic_tree_of_Mups.jpg/640px-Phylogenetic_tree_of_Mups.jpg)
Os xenes están categorizados en familias baseadas na compartición de secuencias comúns de nucleótidos ou proteicas (aminoácidos). Poden utilizarse técnicas filoxenéticas como probas máis rigorosas para orecoñcemento de familias. Poden utilizarse as posicións de exóns dentro da secuencia codificante para inferir a existencia dun antepasado común. Sabendo a secuencia dunha proteína codificada por un xene os investigadores poden aplicar métodos para encontrar semellanzas entre secuencias de proteínas que proporcionan máis información que as semellanzas entre secuencias de ADN.
Se os xenes dunha familia xénica codifican proteínas, utilízase o termo familia proteica de maneira análoga ao de familia xénica.
A expansión ou contracción de familias xénicas nunha liñaxe evolutiva específica pode deberse ao azar ou pode ser o resultado da selección natural.[2] Distinguir entre estes dous casos adoita ser difícil na práctica. En traballos recentes utilízase unha combinación de modelos estatísticos e técnicas algorítmicas para detectar as familias xénicas que están baixo os efectos da selección natural.[3]
O HUGO Gene Nomenclature Committee (HGNC) crea esquemas de nomenclatura usando un símbolo "troncal" (ou "raíz") para os membros dunha familia xénica, cun sistema de numeración xerárquico para distinguir cada un dos membros da familia.[4][5] Por exemplo, para a familia do xene da peroxirredoxina, o símbolo raíz é PRDX, e os membros desa familia son: PRDX1, PRDX2, PRDX3, PRDX4, PRDX5, e PRDX6.