Eclipse solar do 20 de marzo de 2015
eclipse de Sol / From Wikipedia, the free encyclopedia
O 20 de marzo de 2015[1] tivo lugar unha eclipse solar[2] total (sobre algúns lugares do Atlántico Norte) cunha magnitude de 1,045. en Galicia a máxima magnitude, no extremo noroeste, foi de 0,8[3]. A duración da totalidade, no mellor punto, foi de 2 minutos e 47 segundos, fronte á costa das Illas Feroe, 64°26′3″N 6°39′0″O.
Ó remate deste camiño, a sombra da Lúa afastouse da superficie da Terra pola zona polar. Coincidiu co día do equinoccio, cando o Sol estaba no horizonte polar e xorde despois do semestre de noite polar.
A eclipse puido verse dende Europa en diferentes graos de parcialidade segundo a latitude. Dende Islandia e Escandinavia foi case total, e total foi tamén ós 90º de latitude norte, no polo. Esta eclipse total de Sol foi xusto anterior a unha eclipse total de Lúa que ocorre 15 días despois, a Eclipse lunar de abril de 2015.
En relación á escala de tempo do ciclo metónico de 19 anos, esta eclipse total equinoccial foi a primeira dunha serie de tres eclipses totais equinocciais consecutivas separadas por 19 anos. Segundo o programa Stellarium, a próxima eclipse total en equinoccio ocorre no ano 2034 e é a máis precisa do terceto, pois poderase ver como total dende o ecuador, círculo do planeta no que nos equinoccios ao mediodía os raios do Sol inciden de xeito perpendicular. Esta eclipse equinoccial total de 2015 é a primeira da serie de tres nun período de 38 anos, 470 meses lunares, ciclos de fases ou ciclos sinódicos.