Doenza cardiovascular
doenza relacionada co corazón ou os vasos sanguíneos / From Wikipedia, the free encyclopedia
As doenzas cardiovasculares son unha clase de doenzas que afectan o corazón ou os vasos sanguíneos.[1] Entre estas doenzas están as doenzas arteriais coronarias, como a anxina de peito e o infarto agudo de miocardio, accidentes vasculares cerebrais (AVC), cardiopatía hipertensiva, febre reumática, miocardiopatía, arritmia cardíaca, cardiopatía conxénita, valvulopatias, cardite, aneurisma da aorta, doenza arterial periférica e trombose venosa.[1][2]
Doenza cardiovascular | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
DiseasesDB | 28808 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Os mecanismos subxacentes varían de acordo coa doenza en cuestión.[1] Estímase que os factores de risco alimentario están asociados co 53% das mortes por doenza cardiovascular.[3] A doenza arterial coronaria, os accidentes vasculares cerebrais e a doenza arterial periférica prodúcense por aterosclerose,[1] que pode ser causada por hipertensión arterial, tabaquismo, diabetes, falta de exercicio físico, obesidade, colesterol elevado, mala calidade do sono[4][5] e consumo excesivo de bebidas alcohólicas.[1] A hipertensión arterial é a causa do 13% das mortes por doenzas cardiovasculares, o tabaco do 9%, a diabetes do 6%, a falta de exercicio do 6% e a obesidade do 5%.[1] A febre reumática cardíaca pode ter orixe nunha farinxite estreptocócica que non fose tratada.[1]
Estímase que 90% dos casos de doenzas cardiovasculares poden ser evitados con medidas de prevención.[6][7] A prevención da aterosclerose pode facerse diminuíndo os factores de risco,[1] a través de medidas como seguir unha alimentación saudábel, practicar exercicio físico, evitar a exposición ó fume de tabaco e limitando o consumo de alcohol. O tratamento da hipertensión arterial e da diabetes tamén é benéfico. O tratamento das persoas con farinxite estreptocócica con antibióticos pode diminuír o risco de febre reumática.[8] Aínda non é claro o beneficio do uso de aspirina en persoas doutra forma saudábeis.[9][10]