Dermatite
From Wikipedia, the free encyclopedia
A dermatite,[1] tamén coñecida como eccema,[2] é un grupo de condicións que causan inflamación da pel. Estas enfermidades caracterízanse por comezón e eritema da pel.[3] En casos de curta duración poden aparecer pequenas burbullas, mentres que en casos de longa duración, a pel pode facerse máis espesa.[3] A área da pel afectada pode variar desde moi pequena até o corpo enteiro.[4]
Dermatite | |
---|---|
Sinónimos | Eccema, ás veces escrito eczema (forma non recollida polo DRAG) |
Especialidade | Dermatoloxía |
Tipos | atópica, de estase, de contacto (alérxica ou irritativa), actínica, amoniacal, medicamentosa, dermatite ocupacional/profesional, seborreica, lique, proído |
Causas | Diversas |
Diagnóstico | Baseado nos sintomas |
Tratamento | Emolientes/Cremes hidratantes, pomadas de esteroides, antihistamínicos |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Entre o grupo de enfermidades están a dermatite atópica, a dermatite de contacto (alérxica ou irritativa, producida polo contacto con substancias, en relación coa dermatite atópica), a dermatite de estase (ou eccema varicoso, producido polo insuficiente retorno do sangue polas veas das pernas), a dermatite actínica (debida a radiacións diversas), dermatite amoniacal (producida por urina, ou pola acumulación desta no cueiro), dermatite artificial (producida polo paciente intencionalmente), dermatite medicamentosa (por acción de fármacos ou drogas) e dermatite ocupacional/profesional/industrial (por materiais empregados no oficio do paciente).[3]
Estímase que en 2013 a dermatite afectou a 334 millóns de persoas en todo o mundo.[5] A dermatite atópica é o tipo máis común de dermatite e normalmente comeza durante a infancia.[4] A dermatite de contacto é dúas veces máis común nas mulleres que nos homes.[6] A dermatite alérxica de contacto afecta ao 7% das persoas nalgún momento da súa vida.[7] A dermatite de contacto irritante é común, especialmente no contexto de certas ocupacións, aínda que as cifras exactas son incertas.[8]