Cristovo Colón
Navegante e explorador do século XV e XVI ao servizo dos Reis Católicos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Cristovo Colón, nado na República de Xénova[1][2] c. 1450 ou 1451 e finado en Valladolid o 20 de maio de 1506, foi un navegante, cartógrafo, almirante, vicerrei, explorador e gobernador xeral das Indias durante os séculos XV e XVI ao servizo dos Reis Católicos, famoso polo denominado descubrimento de América para a civilización occidental en 1492, tras emprender unha viaxe a través do océano Atlántico co obxectivo de chegar á India, malia que en troques chegou ás illas do Caribe na América Central conseguindo establecer as rutas marítimas e abrindo o camiño á colonización americana.
As terras exploradas por Colón foron inicialmente chamadas Indias Occidentais ou Novo Mundo, até a aparición, en 1507, do mapa de Martin Waldseemüller e Matthias Ringmann do obradoiro cartográfico de Saint-Dié-des-Vosges, cando se pasaron a chamar América, co gallo de que Waldseemüller leu unhas relacións sobre exploracións feitas naquel continente polo navegante italiano Amerigo Vespucci.
Malia que posibelmente non foi o primeiro explorador europeo de América, Colón foi quen descubriu un novo continente para Europa e a historia, ao ser o primeiro navegante capaz de trazar unha ruta de ida e retorno aproveitando as correntes mariñas do Atlántico que hoxe aínda se utilizan, abrindo deste modo un Novo Mundo para explorar, e explotar, nos vellos reinos europeos.
O seu antropónimo (coñecido pola latinización Columbus ou adaptado ás diferentes linguas) é unha icona mundial que inspirou innumerables denominacións, como a dun país: Colombia,[3] e dúas rexións de Norteamérica: a Columbia Británica, no Canadá, e o Distrito de Columbia, nos Estados Unidos.