Crónica anglosaxoa
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Crónica Anglosaxoa é unha colección de anais en inglés antigo que narran a historia dos anglosaxóns. Os anais creáronse no século IX, probabelmente en Wessex, durante o reinado de Alfredo o Grande. Fixéronse e distribuíron moitas copias manuscritas polos mosteiros de Inglaterra, e fóronse actualizando de maneira independente. Nun dos casos, a crónica aínda se seguía actualizando en 1154.
Crónica anglosaxoa | |
---|---|
A páxina inicial da Crónica de Peterborough | |
Autor/a | Anónimo |
Lingua | Inglés antigo |
Tema(s) | Historia do pobo anglosaxón |
Xénero(s) | Crónica |
Data de pub. | Século IX |
[ editar datos en Wikidata ] |
Sobreviven, en parte ou ao completo, nove dos manuscritos, aínda que non todos eles son de igual valor histórico, e ningún deles é a versión orixinal. O máis vello parece que se empezou sobre o final do reinado de Alfredo, mentres que o máis recente se escribiu na Abadía de Peterborough tras un lume no mosteiro, en 1116. Case todo o material da crónica está en forma de anal, por anos; os máis antigos están datados no ano 60 a.C., e o material histórico segue ata o ano no que se escribiu a crónica, punto no que comezan os rexistros contemporáneos. Colectivamente, estes manuscritos coñécense como a Crónica Anglosaxoa. A Crónica non carece de parcialidade: hai ocasións nas que a comparación con outras fontes medievais revela que os escribas que a escribiron omitiron sucesos ou contaron versións das historias só desde un lado; tamén hai partes que se contradín con outras. Porén, tomada no seu conxunto, a crónica é a fonte histórica máis importante do período que vai entre a saída dos romanos e a conquista normanda. Gran parte da información ofrecida na Crónica non está rexistrada en ningún outro lugar. Ademais, os manuscritos son fontes importantes da historia da lingua inglesa; en particular, o texto de Peterborough é un dos primeiros exemplos existentes do inglés medio.
Sete dos nove manuscritos e fragmentos superviventes residen hoxe na Biblioteca Británica. Os dous restantes están na Biblioteca Bodleiana e na biblioteca do Corpus Christi College, en Cambridge.