composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
O cortisol[1][2] (ou hidrocortisona[3]) é unha hormona esteroide do grupo dos glicocorticoides, producida na glándula adrenal.[4] Libérase en resposta ao estrés e a baixos niveis sanguíneos de glicocorticoides. As súas funcións principais son incrementar os niveis de azucre en sangue estimulando a glicoxenólise; suprime o sistema inmunitario; e intervén no metabolismo das graxas, proteínas e carbohidratos.[4] Ademais, fai diminuír a formación de tecido óseo. Durante o embarazo, o incremento da produción de cortisol entre as semanas 30 e 32 promove a maduración dos pulmóns fetais e o inicio da produción de surfactante. Utilízanse varias formas sintéticas do cortisol no tratamento de varias enfermidades.
O cortisol prodúcese na zona fasciculada do córtex da glándula adrenal. A súa liberación está controlada polo eixe hipotalámico-hipofisario. O hipotálamo segrega hormona liberadora da corticotropina (CRH), a cal actúa sobre a adenohipófise ou pituitaria anterior estimulando a secreción de hormona adrenocorticotropa (ACTH), e esta hormona chega por vía sanguíneaáo córtex adrenal, onde activa a secreción de glicocorticoides.
As principais son:
O cortisol regula á baixa o receptor de interleucina-2 (IL-2R) nas células Th (CD4+). Isto ten como resultado a imposibilidade de que a interleucina-2 active a resposta inmunitaria Th2 e orixina a dominancia inmunitaria das Th1. Isto orixina a diminución da produción de anticorpos polas células B. O cortisol impide a liberación de substancias que causan inflamación. Por esta razón o cortisol pode utilizarse no tratamento de enfermidades orixinadas por unha excesiva actividade da resposta humoral (produción de anticorpos) mediada polos linfocitos B como a que se dá en enfermidades inflamatorias e reumatoides e nas alerxias.
Estimula a gliconeoxénese no fígado e activa as vías antiinflamatorias e antiestrés.
Diminúe a formación de tecido óseo.
Niveis baixos de cortisol están asociados coa enfermidade de Addison.
A cantidade de cortisol presente no sangue sofre unha variación diúrna; o pico máximo atínguese aproximadamente ás 8 da mañá, e chégase ao nivel mínimo pola noite aproximadamente ás 4 am, ou de 3 a 5 horas despois de comezar a durmir. Este patrón non se dá ao nacer, e vaise establecendo entre as dúas semanas e os 9 meses de vida.[5]
Observáronse cambios dos patróns normais nos niveis de cortisol sérico en casos de niveis anormais de ACTH, depresión, estrés, e de estresantes fisiolóxicos como hipoglicemia, enfermidades, febre, traumas, cirurxía, medo, dor, esforzos físicos ou temperaturas estremas. Os niveis de cortisol son tamén diferentes en individuos con autismo ou síndrome de Asperger.[6]
Usando como peso molecular 362,460 g/mol, o factor de conversión para pasar de µg/dl a nmol/L é de aproximadamente 27,6; así, 10 µg/dl equivalen aproximadamente a 276 nmol/L.
A maioría do cortisol do soro sanguíneo (un 96%) está unido a proteínas, como a globulina que se une a corticosteroides (CBG) e a albumina sérica. O cortisol libre pasa facilmente a través das membranas celulares, e unha vez na célula únese a receptores intracelulares do cortisol.[12]
O principal control da produción de cortisol exérceo a hormona ACTH da adenohipófise ou pituitaria anterior. A ACTH probablemente impulsa a produción de cortisol controlando o movemento de calcio nas células diana secretoras de cortisol.[13] A ACTH é á súa vez controlada pola hormona hipotalámica CRH, que está baixo control nervioso. A CRH actúa sinérxicamente coa arxinina vasopresina, anxiotensina II, e epinefrina.[14] Cando os macrófagos activados empezan a segregar interleucina-1 (IL-1), a cal sinerxicamente coa CRH incrementa a produción de ACTH,[15] as células T tamén segregan o factor modificador da resposta de glicosteroides (GRMF ou GAF) xunto con IL-1; ambas as substancias incrementan a cantidade de cortisol requirida para inhibir case todas as células inmunes.[16] As células inmunes asumen despois a súa propia regulación, pero a un punto de referencia de cortisol máis alto. O cortisol mesmo ten un efecto de retroalimentación negativa sobre a interleucina-1 [15], que é especialmente útil nas enfermidades nas que é beneficioso forzar o hipotálamo a segregar demasiada CRH, como nas doenzas causadas por bacterias endotóxicas. As células inmunitarias supresoras non son afectadas polo GRMF.[16] O GRMF (ou GAF) afecta principalmente ao fígado (máis cós riles) nalgúns procesos fisiolóxicos.[17]
Un alto nivel de potasio (que estimula a secreción de aldosterona in vitro) tamén estimula a secreción de cortisol na zona fasciculada das glándulas adrenais de can[18], a diferenza da corticosterona, sobre a cal o potasio non ten efecto.[19] A carga de potasio tamén incrementa a ACTH e o cortisol nos humanos.[20] Esta é probablemente a razón pola cal a deficiencia de potasio fai que os niveis de cortisol declinen e causa unha diminución na conversión do 11-desoxicortisol a cortisol.[21] Isto pode tamén exercer unha función na dor da artrite reumatoide, xa que os niveis de potasio celular son sempre baixos na artrite reumatoide.[22]
A relación entre os niveis de cortisol e de ACTH, e algúns dos trastornos que se poden producir son os da táboa:
ACTH no plasma | |||
---|---|---|---|
↓ | ↑ | ||
Cortisol no plasma | ↑ | Hipercortisolismo primario (síndrome de Cushing) | Hipercortisolismo secundario (tumor hipofisario ou ectópico, enfermidade de Cushing, síndrome pseudo-Cushing) |
↓ | Hipocortisolismo secundario (tumor hipofisario, síndrome de Sheehan) | Hipocortisolismo primario (enfermidade de Addison, síndrome de Nelson) |
Hidrocortisona é o termo farmacéutico que se utiliza para referirse ao cortisol usado para a súa administración oral, intravenosa ou tópica. Utilízase como fármaco inmunosupresor, administrado por inxección en casos de reaccións alérxicas graves como a anafilaxe e anxioedema, en lugar da prednisolona en pacientes que necesitan un tratamento de esteroides pero que non poden tomar a medicación por vía oral e en período perioperatorio en pacientes cun tratamento prolongado con esteroides para previr as crises da enfermidade de Addison. Tamén se pode usar topicamente para as erupcións alérxicas da pel, eccema, psoríase e outros trastornos inflamatorios da pel. Pode tamén administrarse por inxección en articulacións inflamadas debido a doenzas como a gota.
O cortisol sintetízase a partir do colesterol. A síntese ten lugar na zona fasciculada do córtex adrenal. A síntese de cortisol na glándula adrenal está estimulada pola hormona adrenocorticotropa (ACTH) da hipófise, a produción da cal está estimulada pola CRH do hipotálamo. A ACTH incrementa a concentración de colesterol na membrana mitocondrial interna, por medio da regulación da proteína STAR (steroidogenic acute regulatory, proteína regulatoria aguda esteroidoxénica). Tamén estimula o principal paso limitante da síntese do cortisol, no cal o colesterol se converte en pregnenolona, catalizado polo citocromo P450SCC (encima de corte da cadea lateral).
O cortisol é metabolizado polo sistema da 11-beta hidroxiesteroide deshidroxenase (11-beta HSD), que consta de dous encimas: 11-beta HSD1 e 11-beta HSD2.
En conxunto, o efecto neto é que a 11-beta HSD1 serve para incrementar as concentracións locais de cortisol bioloxicamente activo nos tecidos; e a 11-beta HSD2 serve para reducir ditas concentracións.
O cortisol tamén se metaboliza a 5-alfa tetrahidrocortisol (5-alfa THF) ed 5-beta tetrahidrocortisol (5-beta THF), reaccións nas que os factores limitantes son, respectivamente, a 5-alfa redutase e a 5-beta redutase. A 5-beta redutase é tamén o factor limitante na conversión de cortisona a tetrahidrocortisona (THE).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.