Corpúsculo de Meissner
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os corpúsculos de Meissner son un tipo de mecanorreceptor táctil da pel.[1] Son un tipo de terminacións nerviosas situadas na pel que son responsables da sensibilidade a toques lixeiros sobre a pel. Teñen a súa maior sensibilidade ás vibracións de menos de 50 hertz. Son receptores de adaptación rápida.
Reciben o seu nome do anatomista alemán Georg Meissner (1829–1905), que os descubriu.
Están distribuídos en varias áreas da pel, pero concéntranse en áreas especialmente sensibles ao tacto lixeiro ou fino, como as xemas dos dedos e beizos.[2][3][4][5][6][7] Máis en concreto, están localizados principalmente na pel sen pelo (xemas dos dedos, palmas das mans, plantas dos pés) xusto debaixo da epiderme nas papilas dérmicas.[8]
Os corpúsculos de Meissner son terminacións nerviosas encapsuladas e non mielinizadas, que constan de células de soporte aplanadas dispostas como láminas horizontais rodeadas por unha cápsula de tecido conectivo. O corpúsculo ten unha lonxitude de entre 30 e 140 μm e un diámetro de entre 40 e 60 μm e unha forma alongada, elíptica ou piriforme, con extremos arredondados.
Teñen unha soa fibra nerviosa que cursa facendo espirais entre as láminas por todo o corpúsculo.
O número de corpúsculos de Meissner por milímetro cadrado na pel da xema dos dedos humanos cae a catro veces menos entre os 12 e os 50 anos, o que se corresponde coa perda de sensibilidade táctil observada coa idade en diversos estudos [9].
Calquera deformación física no corpúsculo causa un potencial de acción no nervio do corpúsculo. Como son receptores de adaptación rápida ou fásicos, os potenciais de acción xerados decrecen rapidamente e finalmente cesan (por iso non e "sente" a propia roupa).
Se o estímulo se elimina, o corpúsculo recobra a súa forma e ao facelo causa a xeración doutro potencial de acción.
Debido á súa localización superficial na derme, estes corpúsculos son particularmente sensibles ao tacto e vibracións, pero, pola mesma razón, están limitados a informar só de que algo está tocando a pel.
As sensacións de presión profunda (por exemplo, a dun golpe) xéranse nos corpúsculos de Pacini (o único mecanorreceptor táctil fásico ademais do de Meissner), que están situados a máis profundidade na derme, e nalgunhas terminacións nerviosas libres.
Ademais, os corpúsculos de Meissner non detectan a dor, a cal é detectada exclusivamente polas terminacións nerviosas libres.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.