From Wikipedia, the free encyclopedia
O consenso científico é o xuízo, posición e opinión colectiva da comunidade científica nun determinado campo de estudo. Este consenso implica un acordo xeral entre os expertos, aínda que non necesariamente unha total unanimidade.[1]
Chégase ao consenso por medio da comunicación científica en conferencias e publicacións, e pola replicación reproducible dos resultados por outros, o debate erudito,[2][3][4][5] e a revisión por pares. Isto conduce a unha situación na cal os que pertencen a esa disciplina poden a miúdo recoñecer tal consenso cando exista; porén, pode ser difícil comunicar aos alleos que se chegou a ese consenso, porque os debates "normais" por medio dos cales progresa a ciencia poden parecer aos alleos unha contradición.[6] Nalgunhas ocasións, as institucións científicas emiten declaracións sobre a súa posición para comunicar un resumo da ciencia desde os "de dentro" aos "de fóra" da comunidade científica. Nos casos onde hai pouca controversia sobre unha materia en estudo, o establecemento do consenso pode ser bastante directo.
O debate popular e político sobre materias que son polémicas na esfera pública pero non necesariamente entre a comunidade científica pode apelar ao consenso científico: véxanse asuntos como a evolución,[7][8] o cambio climático,[9] ou a falta de ligazón entre a vacina MMR e o autismo.[6]
Existen moitas teorías filosóficas e históricas nas que o consenso científico cambiou co tempo. Como a historia do cambio científico é extremadamente complicada e como hai unha tendencia a proxectar "gañadores" e "perdedcores" a tempos pasados en relación co noso consenso científico actual, é moi difícil dar con modelos rigorosos e axeitados para o cambio científico.[10] Isto faise moi difícil tamén en parte porque cada unha das diversas pólas da ciencia funciona de maneira algo diferente, usando diferentes tipos de probas e aproximacións experimentais.[11][12]
A maioría dos modelos do cambio científico dependen dos novos datos producidos polos experimentos científicos. Karl Popper propuxo que como ningún conxunto de experimentos podían probar unha teoría científica, e que un só experimento podería refutala, a ciencia debería estar baseada na falsabilidade.[13] Aínda que isto constitúe unha teoría lóxica para a ciencia, éo nun sentido "atemporal" e non necesariamente reflicte unha visión de como progresará a ciencia co tempo.
Entre os opoñentes máis influentes a este enfoque estivo Thomas Kuhn, que argumentaba que os datos experimentais sempre proporcionan algúns datos que non se axustan completamente á teoría, e que a falsabilidade por si soa non ten como resultado un cambio científico ou mina o consenxso científico. Propuxo que o consenso científico funcionaba como "paradigmas", que eran teorías interconectadas e asuncións subxacentes sobre a natureza da propia teoría, que conectaban a varios investigadores nun determinado eido. Kuhn argumentou que só despois da acumulación de moitas anomalías "significativas" o consenso científico entraría nun período de "crise". Nese momento, deberían buscarse novas teorías e finalmente un paradigma novo triunfaría sobre o vello, o que supón unha serie de cambios de paradigma en vez dunha progresión linear cara á verdade. O modelo de Kuhn tamén enfatizou máis claramente os aspectos sociais e persoais do cambio da teoría, demonstrando con exemplos históricos que o consenso científico nunca foi unha materia de pura lóxica ou puros feitos.[14] Porén, estes períodos de ciencia 'normal' e de 'crise' non son mutuamente excluíntes. A investigación mostra que estes son na práctica modos diferentes, máis que períodos históricos diferentes.[6]
A percepción de se existe un consenso científico sobre un determinado asunto e do forte que é esa concepción, foi descrita como unha "crenza portal" ("gateway belief") sobre a cal están baseadas outras crenzas e despois accións.[15]
Nos debates públicos ás veces utilízase a afirmación de que existe ou non un consenso científico para apoiar certas posturas.
Por exemplo, o consenso científico sobre as causas do quecemento global é que as temperaturas superficiais globais se incrementaron nas últimas décadas e que a tendencia está causada principalmente polas emisións inducidas polos humanos de gases de efecto invernadoiro.[16][17][18] A historiadora da ciencia Naomi Oreskes publicou un artigo en Science no que informaba que o exame dos resumos de 928 artigos científicos publicados entre 1993 e 2003 non mostraba ningún que estivese explicitamente en desacordo coa noción do quecemento global antropoxénico.[16] Nun editorial publicado en The Washington Post, Oreskes declarou que os que se opoñen a estes descubrimentos cinetíficos están amplificando o rango normal de incerteza científica sobre calquera feito para dar unha aparencia de que hai un gran desacordo científico ou unha falta de consenso científico.[19] Os descubrimentos de Oreskes foron replicados por outros métodcos que non requiren interpretación.[6]
A teoría da evolución por selección natural nas súas sínteses modernas está tamén apoiada por un consenso científico esmagador; é unha das teorías máis fiables e empiricamente probadas da ciencia. Non se dubida do feito da evolución; en todo caso debátense algúns aspectos da teoría ou engádense novas achegas.[20][21] Os que se opoñen á evolución afirman que hai un disenso significativo sobre a evolución na comunidade científica.[22] A estratexia da cuña, un plan para promover o deseño intelixente, dependía en grande medida de sementar e construír na percepción pública a idea de ausencia de consenso sobre a evolución.[23]
A incerteza inherente á ciencia, na que as teorías non están nunca probadas senón que só poden ser refutadas (ver falsabilidade), presenta un problema para políticos, lexisladores, avogados e profesionais dos negocios. Mentres que as cuestións científicas ou filosóficas poden a miúdo languidecer na incerteza durante décadas dentro dos seus marcos disciplinarios, os lexisladores enfróntanse ao problema de tomar decisións sólidas baseadas nos datos dispoñibles actualemnte, mesmo se é probable que non teñan a forma final de "verdade". A parte delicada é distinguir que é o que está o suficientemente preto da "verdade final". Por exemplo, a acción social contra o hábito de fumar probablemente chegou moito tempo despois de que para a ciencia o asunto tivese 'bastante consenso'.[6]
Certos dominios, como a aprobación de certas tecnoloxías para o consumo público, poden ter amplos efectos humanos e económicos con grandes repercusións políticas e poderían ir mal coas predicións dos científicos. Porén, ata agora como se espera que a política nun determinado campo reflicta o coñecemento e os datos pertinentes e os modelos ben aceptados das relacións entre os fenómenos observables, hai poucas alternativas boas para os políticos distintas de confiar no que pode grossso modo denominarse 'o consenso científico' para guialos no deseño da poítica a seguir e a súa aplicación, polo menos en circunstancias nas que a necesidade de intervención política é obrigada. Aínda que a ciencia non pode proporcionar unha 'verdade absoluta' (ou incluso no caso contrario un 'erro absoluto') a súa utilidade está unida coa capacidade de guiar as políticas na dirección de incrementar o ben público e evitar os prexuízos públicos. Visto desta maneira, a demanda de que a política dependa soamente do que está probado pola "verdade científica" sería unha prescrición da parálise política e na páctica sería avogar pola aceptación de todos os custos e riscos cuantificados e non cuantificados asociados coa inacción política.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.