From Wikipedia, the free encyclopedia
O conclave é a reunión que celebra o Colexio Cardinalicio da Igrexa católica para elixir a un novo Bispo de Roma, cargo que leva aparellados o de Papa (Sumo Pontífice e Pastor Supremo da Igrexa Católica) e o de Xefe do Estado Vaticano.
O termo conclave procede do latín “cum clave” ("baixo chave"), polas condicións de reclusión e máximo illamento do mundo exterior en que debe desenvolverse a elección, co fin de evitar intromisións de calquera tipo. Este draconiano sistema de encerrar os electores do Papa, vixente polo menos dende o II Concilio de Lión (1274), foi mitigado por Xoán Paulo II na Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis (UDG), sobre a Vacante Apostólica e a elección do novo Pontífice (22 de febreiro de 1996). Establécese nela que os electores poden residir, mentres dura o conclave, na recentemente construída Casa de Santa Marta, unha residencia para o efecto no propio Vaticano, pero mantendo a rigorosa prohibición de calquera clase de contacto co mundo exterior.
Dende fai séculos, os conclaves teñen lugar na Capela Sistina, dentro do complexo Vaticano.
Os primeiros bispos eran designados polos apóstolos ou fundadores das súas igrexas. Posteriormente, foise introducindo o sistema de elección polos membros das comunidades, clérigos e laicos, así como polos bispos das dioceses próximas. En Roma, a elección corría principalmente a cargo dos clérigos que, baixo a supervisión dos bispos, escollían un candidato por consenso ou por aclamación, presentándoo despois ante o pobo para que este o confirmase. Os frecuentes tumultos que este sistema provocaba foron causa de que en ocasións se elixise a un ou máis candidatos rivais, chamados antipapas.
O ano 769 o Sínodo Laterano aboliu o teórico dereito de elección papal que tivera o pobo de Roma. O Sínodo de Roma (862) devolveullo, pero limitado á nobreza da cidade. O cambio máis transcendente introduciuno en 1059 o Papa Nicolao II, quen decretou que serían os cardeais quen elixisen un candidato, que só podería tomar plena posesión tras recibir a aprobación dos cregos e do pobo. Finalmente, un novo Sínodo Laterano, en 1139, eliminou o requisito da aprobación do baixo clero e dos laicos. A elección papal era xa, coma hoxe, competencia exclusiva dos cardeais, só cuestionada durante o Cisma de Occidente (1378 - 1418).
Xunto ao propósito de evitar influencias foráneas dos poderes civís, o enclaustramento dos electores tivo a súa orixe nas prolongadas situacións de bloqueo que ás veces se daban nas eleccións papais. As autoridades recorreron en ocasións á reclusión forzada dos cardeais electores, por exemplo, en 1216 en Perugia, e en 1241 en Roma. É soado tamén o caso da cidade de Viterbo onde, trala morte do papa Clemente IV (1268) houbo que encerrar aos cardeais no palacio episcopal. Logo de case tres anos de Sé Vacante sen que se chegase a ningún acordo sobre o novo Pontífice, os desesperados habitantes decidiron non fornecer alimento algún aos electores, agás pan e auga. Os cardeais deberon captar a indirecta, porque se apresuraron a elixir a Gregorio X.
Este mesmo Papa, quizabes pola experiencia vivida na súa elección, aprobou normas que -mediante a presión das incomodidades materiais- buscaban reducir ao mínimo as demoras no conclave. A partir de entón os cardeais debían quedar sempre recluídos nun recinto pechado; non se lles permitían as habitacións individuais, nin dispoñer de máis dun servente que lles atendese, salvo caso de enfermidade; a comida debíaselles fornecer por unha ventá e, a partir do terceiro día de conclave, o fornecemento quedaba reducido a unha soa comida ao día. Aos cinco días o réxime reducíase a pan e auga. Ademais, mentres durase o conclave os cardeais deixaban de percibir as súas rendas eclesiásticas. Hadrián V aboliu estas normas en 1276, pero Celestino V reintroduciunas en 1294, despois de que a súa propia elección se producise tras un período de sé vacante de dous anos.
Gregorio XV publicou dúas bulas pontificias (1621 e 1622) que regulaban tódolos aspectos da celebración do conclave. En 1904 San Pío X recolleu e unificou case tódalas dispersas normas dos papas anteriores a el nunha Constitución, introducindo certos cambios. Pío XII engadiu novas achegas en 1945, Xoán XXIII fíxoo en 1962 e Paulo VI en 1975. A recente Universi Dominici Gregis de Xoán Paulo II (1996) é a última reordenación en profundidade da normativa sobre o conclave.
O lugar de celebración do conclave non se estipulou oficialmente ata o século XIV. A partir do Cisma de Occidente as eleccións de Papa sempre tiveron lugar en Roma, salvo a de 1800, cando a ocupación da cidade por tropas do Reino de Nápoles obrigou a celebralo en Venecia. O último conclave celebrado fóra da Capela Sistina foi o de 1846, que tivo lugar no Pazo do Quirinal.
O Colexio de Cardeais coñeceu dimensións diversas, dende os sete membros con que chegou a contar no século XIII ata os 183 do presente. En 1587 Sisto V limitou o seu número a 70 membros, divididos en tres ordes: seis Cardeais Bispos, cincuenta Cardeais Presbíteros e catorce Cardeais Diáconos (aínda que repartidos nominalmente en estamentos con estes nomes, na actualidade os cardeais son sempre Bispos). No século XX, sobre todo a partir de Xoán XXIII, o Colexio de Cardeais incrementou o seu número co fin de dotalo da máxima representatividade xeográfica e nacional posible. Así a todo, en 1970 Paulo VI reservou a condición de elector aos menores de 80 anos e fixou o seu número máximo en 120. Coa creación en 2003 de 31 novos cardeais, Xoán Paulo II elevou o número de electores teóricos a 135. Na actualidade, dos 183 cardeais con que conta o Colexio, só 117 reúnen a condición de elector por non cumprir aínda a idade máxima (2005).
De acordo coa práctica tradicional da Igrexa, calquera bautizado home podería ser elixido Papa. En 1179 o III Concilio de Letrán aboliu as restricións que se foron introducindo dende o século VIII no sentido de limitar a condición de candidato, primeiro aos clérigos en xeral, e posteriormente só aos cardeais aínda que, na práctica, o último Papa que non era cardeal no momento da súa elección foi Urbano VI (1378). En caso de resultar elixido un presbítero, diácono ou laico, e aceptando a súa elección, procederíase no acto á súa ordenación como Bispo. Pese a todo, e dado que para ser ordenado bispo se require actualmente levar polo menos cinco anos como presbítero e cumprir os 35 anos, cabe pensar que só quen cumprise estas condicións podería ser obxecto de elección como Papa.
Non existe ningún requisito referente á nacionalidade, aínda que a tradición de séculos impuxo o costume de elixir papas italianos. O polaco Xoán Paulo II foi o primeiro non italiano dende Hadrián VI, holandés, elixido en 1522. A elección do alemán Bieito XVI (19 de abril de 2005) parece abolir definitivamente a tradición en favor dos italianos. Foron españois os papas San Dámaso I, Calisto III e o sobriño deste, Alexandre VI. Tamén foi español o considerado antipapa Bieito XIII, coñecido como Papa Luna.
As mulleres, ao non ser elixibles para o estado clerical, tampouco poden converterse en papas. Os relatos sobre papisas, especialmente a Papisa Xoana, carecen de calquera base histórica.
Os cardeais teñen estritamente prohibido presentar a súa candidatura ou facer propaganda de si mesmos. Permítese, por outra banda, o intercambio de opinións e buscar apoios para terceiros.
Tradicionalmente, a elección do novo Papa podía realizarse de tres modos: por aclamación, por compromiso e por escrutinio. En caso de aclamación, os cardeais escollían ao candidato de forma unánime, como inspirados polo Espírito Santo. O compromiso era un expediente para saír de situacións de bloqueo, nas que de forma reiterada se facía imposible que un candidato alcanzase os votos suficientes. Escollíase entón unha comisión reducida de cardeais que procedese por si mesma á elección. O escrutinio é a forma habitual, por medio de voto secreto. A última elección por compromiso foi a de Xoán XXII en 1316, e por aclamación, a de Gregorio XV en 1621. As novas regras introducidas por Xoán Paulo II na UDG declaran abolidos os procedementos de aclamación e compromiso, polo que a elección deberá ser exclusivamente por escrutinio.
Ata 1179 bastou coa maioría simple na elección. Ese ano, o Concilio Laterano III incrementou ata os dous terzos a maioría requirida. Aos cardeais non se lles permitía votarse a si mesmos. Estableceuse un sofisticado procedemento para asegurar o segredo do voto, á vez que se impedise que os cardeais se votasen a eles mesmos. Pío XII (1945) eliminou este sistema, pero incrementou a maioría a dous terzos máis un dos votos. En 1996 Xoán Paulo II restaurou a maioría de dous terzos, pero non a prohibición do auto-voto. A constitución UDG establece tamén que pasadas 34 ou 33 votacións infrutuosas (segundo se realizase a primeira votación o día da inauguración do conclave ou o seguinte), os electores poderán decidir, por maioría absoluta, se cambian as normas electorais, pero sempre conservando como requisito o de esixirse polo menos a maioría absoluta na elección.
A Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis -nome que recibe o documento das súas primeiras palabras na versión latina: (Pastor de) Todo o Rabaño do Señor-, aprobada por Xoán Paulo II en 1996, regula tódolos aspectos da elección dun novo Pontífice. Aínda que revoga as normas anteriormente vixentes sobre o mesmo tema, a maior parte das súas disposicións non fan senón confirmar moitas das prácticas xa establecidas, algunhas con centos de anos de antigüidade.
Dúas son as circunstancias que poden dar lugar ao final dun Pontificado (ou Vacante Apostólica), iniciándose con iso o período de Sé Vacante e a necesidade de convocar o conclave: o falecemento do Papa e a súa abdicación. Unha terceira opción, a deposición do Papa, queda totalmente excluída, xa que ningunha autoridade está por enriba da súa nin tan sequera ço seu mesmo nivel.
A abdicación dun Papa é un acontecemento moi pouco frecuente na historia, pero si previsto no dereito da Igrexa. Requírese que sexa libre e que se manifeste de modo formal aínda que, como máximo lexislador, é o propio Papa quen determina de que forma ha de facelo. Non é preciso que a súa dimisión sexa aceptada por ninguén. Catro foron os Papas que ao longo da historia declararon a súa renuncia ao ministerio de Pedro: Bieito IX (1045), Gregorio VI (1046), Celestino V (1294) e Gregorio XII (1415). A Celestino V condenouno Dante Alighieri ao inferno na súa Divina Comedia por covarde. En cambio, o Papa Clemente V canonizou a Celestino en 1313, vivindo aínda o poeta.
O concepto de Sé "Romana Impedida", previsto no Código de Dereito Canónico, refírese aos casos nos que, por cativerio, relegación, desterro ou incapacidade, o Papa se atopase totalmente imposibilitado para exercer as súas funcións. Segundo o Código hase de atender ao estipulado nas leis especiais dadas para estes casos, pero non se fixo pública ningunha norma para unha situación semellante. De calquera modo, parece que non orixinaría un período de Sé Vacante nin a convocatoria do conclave.
Producíndose a Sé Vacante, o Colexio de Cardeais asume o goberno da Igrexa, pero de modo moi matizado. En efecto, só pode tomar decisións nos asuntos ordinarios e inaprazables, así como no referente á preparación das exequias do Pontífice falecido e a elección do novo. En ningún caso poden innovar, particularmente no que se refire aos procedementos electorais, nin tampouco exercer ningunha clase de suplencia do Papa. As súas disposicións só seguirán sendo válidas no seguinte pontificado se o novo Papa as confirma expresamente.
Polo que se refire aos bens materiais da Santa Sé, a súa administración neste período corresponde ao cardeal camarlengo axudado por tres cardeais asistentes. Na actualidade, o cardeal camarlengo é o español Eduardo Martínez Somalo
Unha vez coñecida a morte do Papa, o Cardeal Camarlengo é o encargado de verificala. Tradicionalmente realizaba esta tarefa golpeando con suavidade a cabeza do Papa cun pequeno martelo de prata e pronunciando o seu nome de pía -non o papal- tres veces. Tamén se colocaba unha candea preto do nariz do Pontífice e se a chama non se movía, o Cardeal Camarlengo constataba a morte do Bispo de Roma. Na nova ordenación establecida pola UDG o Camarlengo é introducido nos apousentos papais xunto co Mestre das Celebracións Litúrxicas Pontificias, os Prelados Clérigos e o Secretario e Chanceler da Cámara Apostólica. Unha vez na habitación do Papa, o Camarlengo axeónllase nun coxín violeta, reza unhas oracións pola alma do defunto e, tras achegarse ao leito, descobre o rostro do Pontífice e constata publicamente a súa morte declarando: "O Papa realmente morreu". Igualmente, a UDG non prohibe continuar coas tradicións mencionadas. O Secretario do a Cámara Apostólica debe estender entón acta da defunción. Loxicamente, iso require tamén a presenza de persoal médico.
Inmediatamente logo de constatada oficialmente a morte do Papa, o Secretario de Estado entrega ao Camarlengo a matriz do selo de chumbo e o Anel do Pescador, cos cales son autentificadas as Cartas Apostólicas, para ser destruídos en presenza do Colexio de Cardeais, para evitar que se falsifiquen documentos papais. O Camarlengo é responsable tamén de selar o estudo e o dormitorio do Papa. O persoal que o atendía pode seguir habitando no apartamento papal só ata o momento da súa sepultura, momento a partir do cal deberá ser evacuado e selado na súa totalidade ata que tome posesión del o novo Pontífice.
Corresponde igualmente ao Camarlengo comunicar a noticia do falecemento do Papa ao Cardeal Vicario para a Urbe, para que o notifique ao pobo de Roma, así como ao Cardeal Arcipreste da Basílica Vaticana. O mesmo Camarlengo ou o Prefecto da Casa Pontificia deben tamén anunciar a noticia ao Decano do Colexio Cardinalicio. Este é o responsable de facer chegar a noticia a tódolos cardeais do mundo, convocándoos a Roma. Tamén é tarefa súa notificalo ao Corpo Diplomático acreditado ante a Santa Sé. Ata a súa elección como Papa no Conclave de 2005 era Decano do Colexio Cardinalicio o alemán Joseph Ratzinger, actual Bieito XVI.
Dende Pío IX, os tanxidos fúnebres da campá grande de San Pedro encargáronse de facer pública a noticia do falecemento dos Papas. Ao tanxer as campás da Basílica de San Pedro, as campás das igrexas de Roma fanlles eco en sinal de dó pola morte do seu Bispo.
Se o falecemento (ou abdicación) do Papa se produce mentres se está celebrando un Sínodo de Bispos ou ata un Concilio Ecuménico, estes quedan automaticamente suspendidos e non poden continuar por ningunha razón, aínda que sexa gravísima, e moito menos proceder por si mesmos á elección de novo Papa. É sempre necesario convocar ao Colexio de Cardeais.
Durante a Sé Vacante, os Cardeais desenvolven as súas funcións mediante dous tipos de comisións, chamadas Congregacións: a Particular e a Xeral.
Integran a Congregación Particular o Cardeal Camarlengo e outros tres cardeais asistentes (un pola orde dos Bispos, outro pola dos Presbíteros e outro pola dos Diáconos) elixidos por sorteo entre os electores (é dicir, os que non cumpriron os 80 anos) chegados xa a Roma. Cada tres días procédese a un novo sorteo para renovar aos cardeais asistentes. A Congregación Particular ocúpase dos asuntos ordinarios de menor entidade que se vaian presentando durante a Sé Vacante. O que unha Congregación Particular decida, resolto ou denegado non o poden revogar as que se constitúan os días seguintes. A Congregación Particular cesa nas súas funcións no mesmo momento en que se elixe un novo Papa.
A Congregación Xeral está composta pola totalidade do Colexio Cardinalicio e está en funcións ata o momento de iniciarse o Conclave. Os Cardeais Electores teñen obrigación de incorporarse á Congregación Xeral axiña que como lles sexa posible, unha vez coñecido o falecemento do Papa. En cambio, aos non electores permíteselles absterse de participar se así o desexan.
A Congregación Xeral ocúpase dos asuntos máis importantes que se vaian presentando e ten tamén competencia para revogar as disposicións dunha Congregación Particular. Os seus encontros celébranse a diario e presídeos o Cardeal Decano. Unha vez iniciado o Conclave, é tamén o Decano quen preside a asemblea ata que saia elixido un novo Papa. As decisións tómanse por maioría, sempre mediante voto secreto.
As principais obrigacións da Congregación Xeral refírense á organización das exequias do defunto Papa, determinar a data de inicio do Conclave (entre 15 e 20 días dende que comezou a Sé Vacante), velar pola destrución do Anel do Pescador e o selo de chumbo, designar a dous eclesiásticos de probada doutrina (normalmente frades ou monxes) para que lles dirixan senllas meditacións sobre os problemas da Igrexa no momento actual e aprobar os gastos necesarios dende a morte do Pontífice ata a elección do sucesor.
Corresponde á Congregación de Cardeais preparar todo o necesario para as exequias do defunto Papa e fixar o día de inicio das mesmas. En cambio, o que se refire á súa sepultura é competencia do Cardeal Camarlengo tras conseguir a opinión dos responsables das tres ordes do Colexio Cardinalicio salvo que o mesmo Pontífice dispuxese algo en vida. Os últimos papas soterráronse habitualmente na Cripta da Basílica de San Pedro (ou Grutas Vaticanas), próximos á tumba do Apóstolo, pero non é obrigatorio. Pode realizarse nunha catedral, unha igrexa parroquial, un santuario etc. Á morte de Xoán Paulo II, por exemplo, se especulou coa posibilidade de que dispuxese ser soterrado na Catedral de Cracovia, sé da que fora bispo.
Os Cardeais deben decidir, en primeiro lugar, o día e hora do traslado do cadáver á Basílica Vaticana para ser exposto á veneración dos fieis. Antes dese momento, e unha vez preparado o corpo do Papa, debe ser levado á Capela Clementina, no Palacio Apostólico Pontificio, para a veneración privada da Casa Pontificia e dos Cardeais. Tralo falecemento de Xoán Paulo II (2005) calcúlase que entre dous e tres millóns de persoas desfilaron ante o seu corpo exposto fronte ao Baldaquino da Confesión, na Basílica de San Pedro? para renderlle a súa última homenaxe.
As exequias do Papa duran nove días consecutivos a partir do día da Misa exequial, que preside o Cardeal Decano. Previamente a esta colócanse os restos mortais no féretro. Ao seu termo, procédese ao seu traslado ao sepulcro e ao enterro.
Ademais das innumerables Misas ofrecidas en todo o mundo polo Pontífice falecido, as exequias oficiais contemplan nove celebracións eucarísticas en Roma, a cargo de diversas comunidades que representan a universalidade da Igrexa. A orde das celebracións é así: o primeiro, quinto e noveno días realízanse na Capela Papal; o segundo día destínase aos fieis da Cidade do Vaticano; o terceiro á Igrexa de Roma; o cuarto aos Capítulos das Basílicas Patriarcais; o sexto á Curia Romana; o sétimo ás Igrexas Orientais; o oitavo aos membros de Institutos de Vida Consagrada.
As normas da UDG sobre a celebración do Conclave amplían por primeira vez o ámbito en que transcorrerá a vida dos Cardeais mentres dure a elección do novo Papa. O proceso electoral mesmo mantense, como é tradición, dentro dos límites da Capela Sistina, pero se incorporan tanto a Casa de Santa Marta, residencia vaticana de recente creación, como as capelas para as celebracións litúrxicas, as áreas por onde deban desprazarse os cardeais para ir dun punto a outro, e ata os mesmos xardíns vaticanos, onde poden pasear e descansar. Así a todo, mantense en pé a prohibición de todo contacto co mundo exterior (televisión, prensa, radio, teléfono, correspondencia, Internet), e ninguén non autorizado pode achegarse aos cardeais ou falar con eles mentres dura o Conclave. No de 2005 procedeuse, ata, a efectuar un varrido electrónico para detectar calquera posible mecanismo transmisor ou receptor camuflado no ámbito da clausura.
A Universi Dominici Gregis aclara os motivos desta reclusión cardinalicia: salvagardar aos electores da indiscreción allea e dos intentos de afectar á súa independencia de xuízo e liberdade de decisión, así como garantir o recollemento que esixe un acto tan vital para a Igrexa enteira.
O día sinalado pola Congregación Xeral de Cardeais (entre 15 e 20 tralo falecemento do Pontífice), ten lugar pola mañá unha solemne misa votiva “Prol Pontificem eligendo” (para a elección do Pontífice), normalmente presidida polo Cardeal Decano, na que se pide a Deus que ilumine as mentes dos electores.
Xa pola tarde, os cardeais, reunidos na Capela Pauliña, encamíñanse en procesión solemne á Capela Sistina -debido a unhas obras en curso, o Conclave de 2005 partiu da Capela das Bendicións- cantando as ladaíñas dos Santos de Oriente e Occidente. Unha vez chegados á Capela Sistina, os electores entoan a un tempo o “Veni Creator”, oración coa que se invoca ao Espírito Santo, e proceden a prestar xuramento solemne de gardar as normas que rexen o Conclave, cumprir fielmente o ministerio petrino caso de ser elixidos, e manter o segredo de todo canto se refira á elección do novo Pontífice.
Unha vez prestado o xuramento, lido conxuntamente e ratificado de forma individual ante os Evanxeos, o Mestre das Celebracións Litúrxicas Pontificias dá a solemne orde de “Extra omnes!” (¡Fose todos!), indicando que tódolos alleos ao Conclave deben saír do recinto. Só permanecen el mesmo e o eclesiástico encargado de predicar aos Cardeais a segunda das meditacións sobre os problemas da Igrexa contemporánea. Terminada esta, tanto o predicador como o Mestre das Celebracións deben saír tamén. As portas quedarán pechadas e con Gardas Suízos protexéndoas.
A partir dese momento pódese proceder á primeira votación (única do día) ou aprazala ata o día seguinte.
O proceso de votación no conclave divídese en tres partes: pre-escrutinio, escrutinio propiamente dito e post-escrutinio.
Comeza a fase de pre-escrutinio cando, antes de cada sesión de votacións (diariamente hai dúas sesións, unha pola mañá e outra pola tarde, con dúas votacións en cada unha, salvo resultado positivo na primeira), o último Cardeal Diácono extrae por sorteo público os nomes de tres Escrutadores, tres Enfermeiros e tres Revisores. Distribúense entón aos Electores dúas papeletas de forma rectangular, que levan impresa a frase: “Eligo in Summum Pontificem” (“Elixo como Sumo Pontífice”), e debaixo un espazo en branco para o nome do elixido. Os Cardeais deben escribilo con letra clara, pero o máis anónima posible. Se se escribe máis dun nome o voto é declarado nulo.
A fase de escrutinio propio iníciase cando cada Cardeal, por orde de precedencia, dobrando dúas veces a súa papeleta de voto, a leva no alto ata o altar, diante do cal están os Escrutadores e sobre o que se colocou unha urna cuberta cun prato para recoller os votos. Unha vez alí, o Cardeal votante pronuncia en voz alta o xuramento: Poño por testemuña a Cristo Señor, o cal xulgarame, que dou o meu voto a quen, en presenza de Deus, creo que debe ser elixido. Deposita entón a papeleta no prato e con este introdúcea na urna. Inclínase logo ante o altar e regresa ao seu sitio. Se un Cardeal enfermo ou ancián non pode achegarse ata o altar, un Escrutador achégase a el, recolle o seu xuramento e o seu voto e encárgase de depositar a papeleta na urna. Se a súa enfermidade obrígalle a permanecer na Casa de Santa Marta, son entón os Enfermeiros os que acoden a recoller o seu voto seguindo un procedemento similar ao descrito.
O post-escrutinio lévano a cabo os tres Cardeais Escrutadores, elixidos ao azar, contabilizando diante de tódolos Electores os votos recolleitos. Se o número de votos é distinto do de votantes, quéimanse as papeletas e repítese a votación. Os nomes dos votantes vanse anotando nunha relación, mentres que os votos contabilizados vanse cosendo con agulla e fío para mantelos unidos. A continuación, os tres Revisores supervisan as notas dos Escrutadores e revisan os votos, para asegurarse de que aqueles cumpriron correctamente o seu cometido.
Se ningún dos candidatos obtén a maioría de dous terzos, concluída cada sesión (dúas votacións) quéimanse nunha estufa as papeletas dos votos xunto coas notas dos Escrutadores. Agréganse substancias químicas ao lume para que o fume sexa negro e indique unha elección sen éxito.
A UDG establece que todo resultado debe ser rexistrado nunha acta, que se arquiva no Vaticano e non pode abrila ninguén, ata dentro de 50 anos dende que foi labrada a acta.
O conclave dura todo o tempo que sexa necesario. Así a todo, hai establecidos períodos de descanso e coloquio se non se acada acordo (día 5º, tarde do 7º, tarde do 9º), cunha exhortación do Cardeal Decano. Chegados ao día 11º, se se aproba así por maioría absoluta dos Electores, pódese optar por dúas solucións de compromiso: ou rebaixar a maioría de votos requirida dos dous terzos á maioría absoluta, ou votar a un dos dous candidatos máis votados no escrutinio precedente e elixir o que obteña maioría absoluta.
En ningún caso se contempla a abstención dos Electores.
Conseguida a maioría necesaria en calquera votación, o candidato elixido debe expresar de inmediato a súa aceptación ou non do ministerio. O último dos Cardeais Diáconos convoca á Capela Sistina ao Secretario do Colexio de Cardeais e ao Mestre das Celebracións Litúrxicas Pontificias. Presentes estes, o Cardeal Decano ou o que lle siga en orde e antigüidade pide o consentimento ao elixido coa seguinte pregunta: “Acceptasne electionem de che canonice factam in Summum Pontificem?” (Aceptas a túa elección canónica como Sumo Pontífice?)
Se o candidato electo dá o consentimento, pregúntaselle entón:”Quo nomine vis vocari?” (“Con que nome queres chamarte?”)
O xa Papa indica o nome que escolleu con estas palabras: “Vocabor N.” (Chamareime N.), ou outras similares. Entón o Mestre das Celebracións, en funcións de notario, levanta acta da aceptación do novo Pontífice e do seu nome.
No caso nada frecuente de que o elixido non sexa un dos Cardeais presentes ou, ata, que non resida na cidade de Roma, avísase ao Substituto da Secretaría de Estado, quen se encargará de que o escolleito como novo Papa chegue ao Vaticano canto antes, evitando absolutamente que se decaten os medios de comunicación. Unha vez chegado ao conclave, o Cardeal Decano convocará ao resto dos electores á Capela Sistina para proceder ao mesmo ritual de aceptación. Se o elixido acepta e non é bispo, o Cardeal Decano ordenarao de inmediato como tal.
A partir do momento da aceptación -e ordenación no seu caso- o elixido pasa a ser Bispo de Roma, Papa e Cabeza do Colexio Episcopal. Nese mesmo momento adquire a plena e suprema potestade sobre a Igrexa universal. Os Cardeais achegaranse entón a el por quenda para expresarlle o seu respecto e obediencia. Tamén poderán achegarse a el o Substituto da Secretaría de Estado, o Secretario das Relacións cos Estados (unha especie de Ministro de Asuntos Exteriores vaticano), o Prefecto da Casa Pontificia e calquera outro que deba tratar co novo Pontífice asuntos necesarios nese momento.
Unha das tradicións máis pintorescas e coñecidas a nivel mundial en relación co conclave é a da fumata, un sistema secular de comunicar ao pobo a marcha dun proceso electoral que transcorre baixo estrito enclaustramento.
Tras cada sesión de escrutinio (dúas votacións) as papeletas de voto e as notas dos Escrutadores quéimanse nunha estufa preparada ao efecto. O fume sae entón por unha cheminea sobre o tellado da Capela Sistina. Cando o resultado das votacións foi negativo, os papeis quéimanse xunto con palla húmida, o que produce un fume negro. Se da elección saíu elixido un candidato, e este aceptou a responsabilidade, os papeis quéimanse usando palla seca, o que dá lugar a un fume de cor branca. É o sinal que anuncia ao mundo a elección dun novo Papa.
Nos tres últimos conclaves (dous en 1978 e outro en 2005), así a todo, e para desesperación dos xornalistas, o sistema non pareceu funcionar correctamente e o fume que debía ser branco viuse gris. Na última destas ocasións incorporouse unha estufa auxiliar co propósito de queimar produtos químicos que tinxiran claramente o fume dunha ou outra cor, aínda que tampouco tivo demasiado éxito. Si foi determinante, en cambio, a introdución dun repique das campás de San Pedro que confirmase sen posibilidade de dúbida a fumata branca.
Tras aceptar a súa elección, o xa novo Papa é conducido polo Camarlengo e o Mestre das Celebracións Pontificias á sancristía da Capela Sistina, chamada comunmente Sala das bágoas, xa que parece que tódolos elixidos, sen excepción, choran alí en relativa intimidade ante a magnitude da responsabilidade que acaban de asumir. Na sala atópanse tres manequíns con sotanas brancas de diversos tamaños: grande, mediana e pequena, que a xastrería romana Gammarelli encárgase de confeccionar dende o século XVIII. De ser necesario, un equipo de relixiosas fan os arranxos pertinentes. Dise que a Pío XIII as tres lle quedában longas, mentres que a Xoán XXIII resultábanlle estreitas. Tamén hai a man un barbeiro por se o Papa necesita un afeitado antes de presentarse ante o pobo -pode ser elixido pola tarde-.
Trala manifestación do respecto dos Cardeais, cántase un “Te Deum” (oración de solemne acción de grazas a Deus),
Inmediatamente, o Cardeal Protodiácono (o primeiro desa orde entre os Cardeais), diríxese ao balcón principal da Basílica de San Pedro, onde se instalaron rapidamente cortinaxes e colgaduras de festa. Alí fará público o anuncio da elección coas frases rituais:
“Annuntio vobis gaudium mágnum: habemus Papam. Emminentissimum ac Reverendissimum Dominum, Dominum N., Sanctae Romanae Ecclesiae Cardinalem N., qui sibi nomen imposuit N.” (Anúnciovos unha grande alegría: temos Papa. O Eminentísimo e Reverendísimo Señor Don N. -nome de pía-, Cardeal da Santa Igrexa Romana N. -apelido-, que se impuxo o nome de N.).
Poucos instantes despois o novo Papa, precedido pola cruz procesional e polos primeiros dos Cardeais entre as ordes dos Bispos, Presbíteros e Diáconos, sae ao balcón e dende alí saúda ao pobo coas primeiras palabras do seu pontificado. A continuación imparte a bendición apostólica Urbi et orbi, que en diante só dará de ordinario en Nadal e Pascua.
Aínda que dende o mesmo momento da súa aceptación -e consagración episcopal, de ser precisa- o elixido é xa verdadeiro Papa, o Pontificado inaugúrase de modo oficial cunha misa solemne que se celebra aos poucos días de concluído o conclave, normalmente na explanada da Basílica de San Pedro. Nesa celebración, o novo Papa é investido dos seus novos símbolos: a súa Mitra, a súa Tiara, o seu Palio, e o seu anel do Pescador.
A Tiara Pontificia, ou Triregno, a tripla coroa papal non é utilizada dende o Papa Paulo VI. Deixouse de utilizar cando Paulo VI rexeitou os poderes terreais que simboliza. Hoxe, cada Papa decide se se coroa ou non.
Tamén en data inmediata deberá o novo Pontífice tomar posesión da Arquibasílica Patriarcal Lateranense (San Xoán de Letrán), que é a catedral de Roma e se considera cabeza e nai de tódalas demais igrexas do mundo.
É tradición que cada Papa teña o seu escudo de armas. Cada escudo de armas é persoal e deséñao cada Pontífice ao seu gusto. Así a todo, sempre aparecen as Chaves do Ceo entregadas a San Pedro e a Tiara Papal. O escudo de armas é mostrado ao mundo polo xornal Vaticano L'Ossevatore Romano, que o publica. Tamén debe debuxarse para ser arquivado na Biblioteca Vaticana. De aí en máis, o Papa selará as súas cartas apostólicas, encíclicas e escritos coa matriz do seu escudo e tamén este será bordado nas súas sotanas e gravado nos aneis dos Cardeais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.