En bioloxía molecular, o complexo de recoñecemento da orixe, abreviado como ORC (do inglés origin recognition complex), é un complexo para a unión ao ADN de 6 subunidades presente en todos os eucariotas, que se une de maneira dependente do ATP ás orixes de replicación. As subunidades deste complexo están codificadas polos xenesORC1, ORC2, ORC3, ORC4, ORC5 e ORC6 humanos.[2][3][4] O ORC é un compoñente esencial para a replicación do ADN en eucariotas, e únese á cromatina nas orixes de replicación durante o ciclo celular.[5] O ORC dirixe a replicación do ADN por todo o xenoma e é necesario para a súa iniciación.[6][7][8] O ORC únese nas orixes de replicación e serve como os alicerces para a ensamblaxe do complexo de pre-replicación (pre-RC), que comprende Cdc6, Tah11 (tamén chamado Cdt1), e o complexo Mcm2-Mcm7.[9][10][11] A ensamblaxe do complexo de pre-replicación durante a fase G1 cómpre para que se autorice a replicación dos cromosomas antes da síntese de ADN durante a fase S do ciclo celular.[12][13][14] A fosforilación regulada durante o ciclo celular de Orc2, Orc6, Cdc6, e MCM pola proteína quinase dependente de ciclinaCdc28 regula a iniciación da replicación do ADN, incluíndo o bloqueo da reiniciación na fase G2/fase M.[5][15][16][17]
Tanto Orc1 coma Orc5 únense ao ATP, aínda que soamente Orc1 ten actividade de ATPase.[20] Cómpre a unión de ATP a Orc1 para que o ORC se una ao ADN e é esencial para a viabilidade da célula.[11] A actividade de ATPase de Orc1 está implicada na formación do complexo de pre-replicación.[21][22][23] A unión de ATP a Orc5 é esencial para a estabilidade do ORC como un conxunto. Só son necesarias as subunidades Orc1-5 para a unión á orixe de replicación. Pola súa parte, Orc6 é básica para o mantemento do complexo de pre-replicación unha vez formado.[24] As interaccións no ORC suxiren que Orc2-3-6 poden ser os que formen o corazón do complexo.[5]