virxe considerada santa polo catolicismo e venerada en Galicia e Francia entre outros sitios From Wikipedia, the free encyclopedia
Comba de Sens, máis coñecida por Santa Comba, nada na Gallaecia[1] contra o 257 e seica decapitada en Meaux no ano 273, foi unha virxe mártir cristiá galaica considerada santa e á que se asocia con Sens en Francia e unha fonte chamada d'Azon. É venerada pola Igrexa católica e a súa festa celébrase o 31 de decembro[2].
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 257 (Gregoriano) Gallaecia, Roma Antiga |
Morte | 273 (Gregoriano) (15/16 anos) Sens, Francia |
Causa da morte | decapitación |
Período de tempo | Imperio Romano |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 31 de decembro |
Toda a súa historia é bastante lendaria. Disque aos dezaseis anos de idade fuxiu da Gallaecia cara á Galia coa finalidade de escapar das persecucións do emperador Aureliano. Porén, acadárona e apresárona. Mentres estaba na cadea, un dos gardas do cárcere intentou violala. Un oso que se usaba coma besta nun anfiteatro achegado atacou o garda e rescatouna. Porén, máis tarde foi martirizada en Meaux.
Conta a haxiografía católica que a condenaron a morrer na fogueira, mais que, ao resistir ás lapas, degolárona nunha fraga achegada. Onde caeu o seu sangue abrollou un regueiro.
No lugar da sepultura ergueuse unha capela, á que seguiu a abadía de Sens. Outras igrexas de Francia levan o seu nome. Disque tamén foi patroa da igrexa parroquial de Chevilly, na diocese de París. Os seus restos non se achan en Sens, senón que aparentemente se atopan (ou se atopaban) en Rimini (Italia). Descoñécense os motivos polos que os restos de Santa Comba non ficaron en Sens (polo menos en gran parte), senón que foron enviados a Rimini, á Catedral de Santa Comba. As reliquias foron levadas (soamente unha parte) polo bispo Castelli, de Rimini, que viaxou a Sens con ese fin na segunda metade do século XVI. Posteriormente decatáronse de que os anacos das reliquias traídas de Francia complementaban perfectamente os fragmentos das vellas reliquias de Santa Comba, xa existentes en Rimini, que segundo a lenda chegaron por barco (aínda que non se sabe de onde).
A igrexa de Santa Comba de Colonia, ou Sankt Kolumba en alemán, construída en 980, está igualmente consagrada a esta mártir cristiá.
Na arte, santa Comba está representada como unha doncela coroada encadeada. Ás veces pode ir acompañada dun can ou dun oso encadeado; soster un libro e unha pluma de pavón; estar cun anxo sobre unha pira funeraria ou incluso aparecer decapitada.
A veneración cara a Santa Comba en Galicia remóntase á Idade Media; o seu culto mestúrase con lendas celtas pagás cristianizadas de clara conexión coas lendas inglesas de Comba de Cornualla, e segundo Allyson M. Poska, foi "probabelmente unha combinación dos cultos de dúas virxes mártires."[3] Eran a galaica Comba de Sens e Comba de España.[3] Santa Comba de España ou de Córdoba, foi unha monxa cordobesa finada contra o ano 853.
Unha lenda galega sostén que antes de ser unha virtuosa mártir virxe, Comba era meiga.[3] Disque un día, a bruxa Comba, atopouse nun camiño da vella Galicia con Xesús Cristo, logo de que este lle dixese: "Segue adiante e sé unha bruxa, mais non entrarás no meu reino", a súa vida non volveu ser a mesma.[4] O relato afirma que Comba converteuse ao cristianismo e foi martirizada pola súa fe despois de se negar a renegar dela, ou despois de rexeitar insinuacións sexuais dos homes. Converteuse na santa patroa das meigas galegas, actuando tanto como unha intercesora en nome das meigas coma en contra das bruxas.[5]
En Coímbra (hoxe en día Portugal), segundo unha guía de viaxes do século XIX, había unha capeliña que disque marcaba o lugar onde Comba sufriu o martirio e que "contra o fin da primavera, as mozas de Coímbra engalanan o santuario con coroas de rosas en lembranza da rosada coroa do martirio que crían que ela levaba."[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.