Codón
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un codón[1][2][3] é cada unha das agrupacións de tres nucleótidos seguidos (tripletes) que se atopan nos ARNm maduros e que codifican a información para a síntese de proteínas, indicando cada codón un aminoácido ou o final da síntese (codóns de parada). O ARNm maduro está formado por codóns en toda a súa lonxitude agás nos seus dous extremos 5' e 3', que son zonas non codificantes. Aínda que a información xenética se almacena de forma permanente no ADN, esta, para expresarse, traspásase primeiro aos ARN durante a transcrición. Cada xene do ADN que codifica unha proteína transcríbese a un ARNm complementario, que é o que será directamente traducido para proteínas nos ribosomas do citoplasma. Por tanto, a información que é directamente descodificada durante a síntese proteica é a do ARNm e non a do ADN, polo que os codóns son tripletes do ARNm e poden levar uracilo.
A información do ARNm escríbese con catro "letras", que corresponden ás catro bases nitroxenadas dos seus nucleótidos: adenina (A), citosina (C), guanina (G) e uracilo (U). Se agrupamos estas catro letras en grupos de 3 podendo repetilas obtemos o que en matemáticas se chama variacións con repetición, e podemos facer 64 distintas. Estes 64 tripletes distintos son os codóns do código xenético. Cada codón codifica un aminoácido determinado ou un sinal de parada. Por exemplo, UUG é un codón, e codifica o aminoácido leucina.