Clatrato de metano
composto químico / From Wikipedia, the free encyclopedia
O clatrato de metano (CH4·5.75H2O) ou (4CH4·23H2O), tamén chamado hidrato de metano, hidrometano, xeo de metano, xeo ardente ou hidrato de gas natural, é un clatrato sólido (concretamente un hidrato clatrato) no cal unha gran cantidade de metano está atrapado dentro dunha estrutura cristalina formada por moléculas de auga, que forma un sólido similar ao xeo.[1] Aínda que inicilmente se pensaba que esta substancia só existía en rexións externas do Sistema Solar, onde as temperaturas son baixas e o xeo de auga é común, despois, atopáronse depósitos importantes de clatrato de metano na Terra baixo os sedimentos dos fondos oceánicos.[2]
Os clatratos de metano son constituíntes comúns da xeosfera mariña pouco profunda e aparecen en estruturas sedimentarias profundas e forman afloramentos no leito oceánico. Os hidratos de metano crese que se forman por migración do gas desde as profundidades ao longo de fallas xeolóxicas, e a súa posterior precipitación ou cristalización no contacto entre a corrente de gas que sae e a auga do mar fría. En 2008 as investigacións realizadas na Antártida na Estación Vostok e na EPICA Dome C con núcleos de xeo extraídos revelou que os clatratos de metano están tamén presentes nos xeos antárticos profundos e rexistraron a historia das concentracións de metano atmosférico, datadas en hai 800.000 anos.[3] O rexistro de clatrato de metano en núcleos de xeo é unha fonte importante de datos para investigar o quecemento global, xunto co oxíxeno e o dióxido de carbono.