Clasificación climática de Köppen
From Wikipedia, the free encyclopedia
A clasificación climática de Köppen é unha clasificación fisionómica [1] dos climas da Terra, desenvolta por primeira vez polo científico ruso-alemán Wladimir Köppen en 1884 e modificada posteriormente por el mesmo en 1918 e 1936, e polo climatólogo alemán Rudolf Geiger en 1961.
Establece unha tipoloxía climática baseada en combinacións das medias anuais e mensuais dos valores termopluviométricos. Estas combinacións dan lugar a cinco tipos principais de clima correspondidos a outros tantos conxuntos de vexetación: a selva ecuatorial, a sabana e a estepa, os bosques de caducifolias e de coníferas, a tundra e o deserto. A estes cinco tipos se lle engaden dous que responden ás particularidades climáticas das zonas de montaña e de alta montaña.
Deste xeito, os sete principais tipos climáticos, que atenden a valores das temperaturas e coinciden na súa maior parte coas grandes zonas climáticas terrestres, se representan por letras maiúsculas. Logo, tendo en conta a distribución zonal das precipitacións, faise unha división dos grupos anteriores en subgrupos designados por letras minúsculas. Por último, realiza unha caracterización máis específica das características térmicas engadindo unha terceira letra, tamén minúscula.